Opinión

Cousas que non mudan

Neste ano pandémico, fóronse acumulando adxectivos e frases que abondaban nas novidades que el trouxo, incluídas andrómenas léxicas que fan rir, como cando se nos fala da conveniencia da “cabalgata estática” (agardaremos a que triúnfe o oxímoro do movemento quieto ou parado: todo chegará). Mais, por contra, hai acontecementos, efemérides e rotinas que se manteñen iguais a si mesmas, sen mudanza nengunha. Tal día coma hoxe, 8 de Decembro, de 1854, o Papa Pío IX, na bula Ineffabilis Deus, proclamaba o dogma da inmaculada concepción da Virxe María, a quen, como Deípara, cumpría deshumanizar, librala do pecado orixinal común a todos os humanos. Foi obxecto de bulra no seu día un ministro de Interior dun dos gobernos españois do PP por condecorar á Virxe, mais o caso é que a arma de Infantaría do exército español e varias unidades militares máis celebran nesta data a súa patroa. Temos dous lados do triángulo: clericalismo, militarismo. Axiña concorrerá o terceiro: 271 militares na reserva redixen un manifesto de re-españolismo e encamíñano ao rei. Este non lles responde. Lóxico: aínda non se pronunciou sobre a ausencia de catro meses de seu pai (mercé a quen el ocupa o cargo) e non o vai facer con elementos que nen sequer son conviventes (mais si coniventes). Naturalmente, xunto á celebración relixioxa antedita, mantense o dogma laico, o día 6, a sagrada Constitución, igualmente imposta e brandida como ameaza para  discrepantes. En nome dela e da vinganza vestida de toga xudicial retornarán ao cárcere as e os presos políticos cataláns, por decisión do Tribunal Supremo. Que casualidade: xusto un día despois de se aprobar o primeiro trámite dos orzamentos do Estado.

Tamén non hai novidade na morte por morte matada. Soledad Rei, en Gondomar, non poderá nunca máis ver a luz do día. De novo, en macabro ronsel, máis unha muller é vítima dunha guerra non declarada, só porque o acto de forza do matador lle impón unha morte violenta. É a deshumanización definitiva: fágote desaparecer porque quero e podo. Se isto é unha lacra, como adoito se di, non se albisca por nengures unha alarma proporcional. El será porque fai parte, tamén, dunha rotina lamentábel mais previsíbel?

Todo neste ano é anómalo, mais certas políticas han de continuar: hai que ter fachenda para gastar un millón de euros nun alumado público pasto de paiolos. O alcalde de Vigo tena. Isto, co que está a acontecer e nunha cidade con 25.000 desempregadas-os. Cómpre ter valor. Como cómpre telo, tamén, para a plana maior do PSOE desabafar con furia merecente de mellor causa contra un BNG que, no Congreso, vota non ao proxecto de orzamentos. Xa tardaba o desabafo, após a raiba de, eleicións mediante, ficar en terceira posición no Parlamento galego. Portavoz no Senado, delegado do goberno español (por certo: é tal ou é delegado do partido?), e tamén portavoces de Podemos que, en alarde hilarante, falan de “irrelevancia”. Tal enxurrada de diatribas non define o BNG, xaora, senón eles mesmos, como representantes submisos de Madrid. Ten toda a razón o deputado Arangüena cando se pergunta: En que país vive o BNG? Exactly: aí lle doe.

Comentarios