domingo 20/09/20

Cousas de antano?

É ben sabido o valor que posúen os epistolarios para coñecer o carácter do destinatario e, tamén, do remitente das cartas. Referireime aquí ao que recolle misivas de Ramón Piñeiro a Ricardo Carvalho Calero, e viceversa (editado polo centro que leva o nome do primeiro). A derradeira deste (ou a última das conservadas por aquel) é de outubro de 1982 e constitúe unha rotunda denuncia das normas ortográficas que naquel ano se estabeleceran por decreto, asinado polo daquela conselleiro Filgueira Valverde. Tal decreto publicárase un ano antes da elaboración e promulgación da Lei de Normalización Lingüística. Con isto fica dito todo.

Mais o motivo do meu comentario é moi anterior. Nunha carta do 30 de outubro de 1956 (tanto esta como a seguinte van transcritas tal cal), Carvalho pergúntase, abraiado: ¿Cómo pode ser ouxeto de censura que eu invitara a todos istes poetas de Ferrol [reférese, por exemplo, a Tomás Barros ou a Xohana Torres, alumnos que foran del] a escribir en galego? É incomprensible e increíble, pero certo, que adicas a calificación de “bárbara” á forma de axuda á pobreza de lingua que consiste en se axudar do diccionario. Pero non hai outra, fora da esploración da lingua viva. O ideal é adeprender galego no campo e nos libros; mais cónstache demasiado que non todos poden sair da área do seu domicilio e que en todo caso o galego culto necesita leer testos e consultar vocabularios. A túa condenación de que eu invitara a Barros a incorporarse á lírica galega é tan estupefactiva que, malia todo, teño a espranza de que teñas escrito unha cousa contraria do que querías escribir. Aliás, hai nesta carta unhas outras palabras que cobran todo o seu valor á vista de toda a historia posterior, cando reclama o dereito de crítica sobre a dirección da política cultural. Retrato de un e de outro.

Unha carta posterior, de 24 de marzo de 1957, confésolles que me fixo rir. Piñeiro informárao dunhas xornadas sobre a lírica galega organizadas polos “rapaces”, isto é, por universitarios de Compostela. Foran, como di con posterioridade, todo un éxito. Desexa Carvalho que, entre os intervinientes, houbese alguén que puidese exercer con solvencia a crítica literaria. Estes serían os seus signos: desdén polo ensaísmo puramente literario que consiste en facer literatura sobre a literatura; sensibilidade estética que evite o seco análise estilístico-estadístico; humildade suficiente pra comprender que non abonda ser mozo pra ser xenio; unha boa dosis de escepticismo a propósito da validez das propias opinións mentras ístas non teñan sido comenentemente contrastadas; ausencia de sectarismo; desprecio pola fácil notoriedade que se consigue atacando o que é xeneralmente estimado; don de perspeitiva pra ver ben que o mellor poeta, o mellor prosista, non son indispensablemente os que toman café diariamente co crítico. É difícil que un mozo –ou un vello‑ reúna todas istas condicións; pero o que máis se aproxime a ise ideal será o que ofereza mellores espranzas.

El terán algo a ver estas palabras de hai 63 anos coa actualidade máis actual? Opinen vostedes. A min fixéronme rir longamente.

comentarios