Opinión

"Desde este corner de España"

Saiba quen isto ler que así fomos definidos, así foi nomeada a Galiza, por parte do aínda presidente da Xunta, no acto do anuncio da súa candidatura á presidencia española do seu partido. Non abonda con sermos "Noroeste", con evitar a toda custa a singularidade da Galiza, uníndoa a Asturias e a Castela-León; non abonda con reiterar unha e outra vez a españolía da colonia face á metrópole; non abonda con abdicar das limitadísimas competencias á espera do que o pai-Estado decidir. Non. Cómpre retroceder aínda máis no disfemismo: agora somos unha esquina, un recanto. En pura dimensión espacial, a tal definición só cobra sentido dentro dunha unidade superior. A imaxe, de por parte, é perfeita por delatora: os goles marcados desde o corner teñen moito máis valor. Así, o salvador futuro de España redobra o seu mérito, ao provir dun lugar galego de ínfima poboación e ir á grande urbe de máis de cinco millóns de habitantes. Que emoción! O mesmo que cando Fraga Iribarne se proclamaba fillo de emigrantes. Desde o máis baixo ao máis alto, na xerarquía española.

Nunha recente apresentación dos seus volumes sobre Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane afirmou que se hoxe temos un Parlamento e un Goberno galego, a Castelao llo debemos. Non podo estar máis de acordo, e así o afirmei, no 29 de Setembro de 2015, na Cámara galega, cando tiven a honra de ser a portavoz da defensa da Iniciativa Lexislativa Popular que, con miles de asinaturas que a secundaron, tentaba dar a Castelao o trato merecido por parte dos poderes públicos galegos. Non prosperou, mercé ao voto maioritario do PP, e eu tiven a ben lembrar ás deputadas e deputados presentes que o escano e salario de que desfrutaban existían mesmamente por Castelao porfiar en resgatar o Estatuto histórico do boicote do Congreso, por moito que para el este texto legal fose só un ponto de partida e non un ponto de chegada definitivo, como esclareceu en Buenos Aires en 1948. Fíxome sorrir a información complementar do autor de que Castelao tiña todas as calidades e "só lle faltou ser feminista". Claro, pensei, a quen se lle ocorre nacer en 1886 e morrer no exilio en 1950, sen se decatar de que, andando o tempo, o feminismo terminolóxico ía ser un elemento do catálogo de todo bon demócrata? Vaia por Deus!

A min, en troca, o que me chama a atención é a ollada artística dos Castelao, os Maside, os Seoane, os Colmeiro... onde a presenza feminina nen é casual, nen esporádica nen marxinal. Poderíamos citar moitos exemplos da obra gráfica e literaria do primeiro. Abonde con lembrar a estampa de 1924 cuxo pé reza: "Anque o meu home vai fora, non terei voto, pero seguirei pagando todos os trabucos" ou a de Cincoenta homes por dez reás: "O home que se casou con Ramona pra aforrar unha criada".

Por parte dos intelectuais sans e ben entendidos, é frecuente alcumar o nacionalismo galego de "ensimesmado". Por contra, "ensimesmados" están os que aplican a lupa á historia da Galiza e aos seus protagonistas con ignorancia do tempo, do contexto e do comportamento dos contemporáneos, españois sen ir máis lonxe. Será ben lembrarmos o sexismo militante dos Ortega y Gasset, os Marañón, os Pérez de Ayala, o papel de destroyer de Picasso verbo das súas parellas, a utilización constante do traballo da súa muller, María Lejárraga, por parte de Martínez Sierra e tantos máis.

A Galiza no corner e, igualmente, tanto traballo feminino que non consta en nengún PIB. A ver se nos centramos un ano destes.

Comentarios