Opinión

Confusión extrema

Saudades dos encontros, en terras de Portugal, cos nosos benqueridos amigos Manuela e António Tavares: na Almada, en Lisboa, en São Pedro do Sul, en Viseu... Tamén na Galiza, onde ela, como presidenta da UMAR (União de Mulheres Alternativa e Resposta), tantas veces interveu en actos e debates políticos e feministas. De São Pedro do Sul leváronnos á serra de São Macário e alí nos contaron a lenda deste santo. Home iradamente ciumento, un día de intenso frío saíu ao campo para traballar. Suspeitoso de a muller ter un amante, volta inopinadamente á casa. Entra no seu cuarto e ve no leito dous vultos humanos. Sen máis averiguacións, na idea de seren os para el pecadores, mátaos a coiteladas furiosas. Cando desvenda os corpos para confirmar a súa suspeita, ve horrorizado como eran seus pais. Chegaran á aldeia, o frío era glacial e decidiran combatelo meténdose no leito aínda quente, ben abrazados e tapados para veren de quecer. O asasino, arrepiado, faise penitente eremita para o resto da vida. O crime fora espantoso: matar o seu proprio sangue. Despois, ascendérono a santo (e non sería o primeiro nen o último matador elevado á santidade).

Na nosa moderna sociedade, continúa habendo “macarios” que fan pagar á muller os efeitos da súa letal mentalidade, levando ao acto criminal e irreversíbel a súa ofuscación misóxina. Viaxemos agora ao outro cabo do arco. Feminismo, palabra na moda. Hoxe todo o mundo semella ser feminista. Ergo, se todo o mundo o é, ninguén o é. Quer dicer, o ismo perdería a súa razón de ser, por unanimidade social ou decretal. É ben así? En absoluto. É feminista apoiar como imprescindíbel unha monarquía que, para alén doutras moitas sevicias, é masculinista por tradición e por imperativo constitucional? É feminista financiar, por activa e por pasiva, unha institución como a Igrexa Católica, que fai dogma e práctica consolidada a exclusión das mulleres do sacerdocio ou de calquer dignidade eclesiástica? É feminista continuar a laiarse da fenda salarial cando hai lexislación en vigor que abondaría para impedila? É feminista que non se aprecie delito en defender “fusilar a 26 millones de hijos de puta” por parte de militares españois retirados? É feminista a liberdade non de expresión senón de represión? É feminista facer de Dª Emilia Pardo Bazán unha campioa da igualdade, ela, que fixo da desigualdade social e da pexoración da Galiza base inamovíbel do seu pensamento? 

A presidenta do Banco Santander, Ana Botín, tamén soi disant feminista, declara que é preciso non só un cambio de actitudes senón cambios estruturais. Adiante! Disolva a corporación bancaria e reparta beneficios entre as despedidas-os! E, como non, o presidente da Xunta infórmanos de cal é o feminismo comme il faut: democrático, integrador... e español, por suposto. Para arredondar a confusión, a parte minoritaria do goberno español brande un anuncio de lei onde o suxeito muller naufraga, a base de “tunear”, a vontade do consumidor-a, o xénero que un-unha adolescente pode escoller.

Escrebo este artigo na véspera do 8 de Marzo: para min, mañá; para leitoras-es de hoxe, onte. Valorará o mañá algo do onte?

Comentarios