Opinión

Comunicación ferroviaria

Chamoume a atención no seu día a unanimidade das crónicas áulicas referidas ao falecemento da raíña Isabel II (unha das maiores plutócratas do mundo), cando con toda naturalidade –historiadores incluídos– se referían ás catro nacións do Reino Unido: Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte. As catro existentes aquí ao lado mesmamente, esas son tabú. Son "territorios" ou "comunidades" (de viciños, de relixiosas?) e os conflitos ou tensións existentes son "territoriais". Somos, pois, un "territorio". Vexamos como funciona neste "territorio" a comunicación ferroviaria. Foi no ano 1995 cando, por iniciativa do deputado do BNG Francisco Rodríguez, se creou no Parlamento a "Comisión Permanente para a elaboración dun plan ferroviario para Galicia sobre a proposta alternativa dun plan director de infraestruturas ferroviarias para Galicia"  (na prosa textual do Boletín do Parlamento). Os obxectivos da mesma continuaron vivos no Congreso dos Deputados mercé á actuación do citado, xa como membro e portavoz do BNG na Cámara española. De aí procede o incremento de servizos na liña A Coruña-Vigo, que demostrou sobradamente a súa rendibilidade e a altísima afluencia de viaxeiros que desde aquela rexistra.

En Xaneiro de 1998, a plataforma Discoverer Enterprise, borrasca mediante, arremeteu e fendeu a Ponte das Pías, de Ferrol. O daquela alcalde dixo: "Non hai mal que por ben non veña". O mal continuou e o ben non apareceu. Ocasión para dunha vez por todas comunicar Ferrol co resto da nación por vía férrea. Non houbo tal.

Xa en pleno século XXI, 27 anos após a creación daquela Comisión, e malia os múltiplos requerimentos e mobilizacións cidadás, para alén das iniciativas parlamentares reiteradas do actual deputado do BNG Néstor Rego, o noso "territorio" continúa desarticulado ou desfarrumallado, se me permiten o uso dun verbo familiar desde a miña infancia. A liña A Coruña-Ferrol clama ao ceo, coa agravante de ambas cidades teren campus da mesma universidade e, por tanto, alumnado ou traballadoras-es que moi ben poderían usar do tren, en habéndoo coa regularidade e os servizos dun tren de proximidade. Viaxar da Coruña a Lugo (ou viceversa) é outra canseira inadmisíbel. Cito ambas cidades por seren capitais das adoradas provincias da administración española, herdadas e non removidas desde 1833. O día 9 deste mes, domingo, o tren procedente de Ourense tiña a chegada a Lugo anunciada para as 21.48. Chegou sete minutos máis tarde, acumulou algunha demora máis e arribou á Coruña ás 23.45, no canto das 23.31 previstas. Da cantidade de viaxeiras-os que nel viñan dá boa conta a cola de máis de sesenta persoas que se formou á espera de taxi (tres cuartos de hora), de modo e maneira que os viaxeiros saímos de Lugo o día 9 e chegamos aos nosos domicilios na Coruña o día 10. Exemplar.

O pasado día 13, este diario (información de Xesús Manuel Piñeiro), informaba de que Renfe e Adif executarían neste ano 2022 só o 42,2% do investimento previsto para a Galiza. As cifras doutros "territorios" son ben reveladoras: para Madrid, o 102,9%; para Rioja, o 138,6%... Abonda.

Xa me decato, por tanto, de que pertenzo a un territorio "vulnerábel", "desfavorecido", que merece moi pouca "empatía" dos gobernantes españois e que me leva a afacerme a ser "resiliente", porque me debo persuadir de que os problemas son unha fonte de "oportunidades". Como di unha miña amiga, pacencia, que vén de pacer...

Comentarios