Opinión

Castelao (e II)

Non por casualidade o artigo da semana pasada e mais este están dedicados a Castelao. Como é ben sabido, o noso ilustre compatriota naceu o 30 de Xaneiro en Rianxo e faleceu o 7 deste mes en Buenos Aires. Entre 1886 e 1950 cabe toda unha vida de servizo político, patriótico e cultural á Galiza. O que singulariza a súa figura no seo doutras valiosísimas, fillas das Irmandades da Fala e do movemento nacionalitario que elas emprenden, é o carácter proteico da súa obra, como artista plástico, escritor, pensador, ensaísta e constante servidor dunha política nacional(ista) que obrigase a Galiza a pensarse desde si mesma e a actuar en consecuencia. Así o fixo el en todas cantas tribunas tivo ao seu alcance, sempre co obxectivo de mobilizar o povo que tan ben coñecía na identificacion dos problemas e na oferta de solucións duns intereses especificamente galegos que nunca cabían nos chamados intereses xerais do Estado. Esta firmeza da súa actuación –como tamén é ben sabido– coñeceu –e padeceu– a política española da Restauración, a ditadura de Primo de Rivera, a República –desterro a Badajoz incluído–, a guerra civil española, as súas dramáticas consecuencias na Galiza e, en fin, o exilio final na Arxentina.

Castelao é un grande da historia da Galiza, que merece moito máis do que ten no presente. Non abonda con nomes de rúas ou avenidas, bustos ou rótulos co seu nome. O que pedimos, e agora reiteramos, é a cura dun doloroso anacronismo. Castelao foi actor principal na creación do Museo de Pontevedra. Deixou disposto que a súa obra nel fose salvagardada. Este centro ten seis edificios e seica vai dispor de máis un espazo para os seus fondos mercé á compra, por parte do Concello de Pontevedra, do convento de Santa Clara. Xulgamos que un destes seis edificios debera ser integramente dedicado a Castelao de xeito permanente. Non se limitaría a ser un expositor dunha parte da súa obra artística máis representativa (con mostras temporais que amosasen o depositado no Museo), senón que se trataría do lugar por antonomasia onde o noso autor puidese ser coñecido na súa integridade biográfica, artística e política: onde puidese ser vista toda a súa obra literaria; se informase do seu contributo esencial ao nacionalismo galego; se acompañase da súa transcendencia por diferentes partes do mundo que pontuaron o seu exilio; se coñecese a bibliografía a que deu lugar a súa obra... Non se entende que teñamos na man tres grosos volumes (miles de páxinas) da súa biografía (da autoría de Miguel Anxo Seixas Seoane) e non dispoña o biografado do espazo suficiente para esa súa enorme fecundidade creativa e social poder ser vista e valorada.

As autoridades locais e provinciais de Pontevedra e a dirección do seu Museo Provincial estou certa de que coñecen museos como o Sorolla ou o Lázaro Galdiano, en Madrid, por non citar millenta máis dedicados a vultos relevantes da historia española, nas artes, na literatura, na política ou en todas elas á par. É Castelao menos para a historia da Galiza? É acaso molesta a reivindicación da súa figura? Ha de seguir sendo un descoñecido para as xeracións actuais?

Na primavera de 2010, o Museo Provincial de Lugo acolleu a exposición “A derradeira lección do mestre”, cuxo centro foi o conxunto das 31 estampas dos álbumes de guerra. O seu ideador fora Lois Diéguez; os comisarios, Felipe Senén e unha servidora, co apoio entusiasta e eficaz de Aurelia Balseiro, directora do Museo. Foi a exposición temporal máis vista de todas as programadas polo mesmo. Había fame de coñecer Castelao e a súa inmensa obra. En 1984 perpetrouse o seu segundo enterramento. Cómpre o rexurrexit definitivo. Pontevedra prestaría así un magnífico servizo a toda a Galiza.

Comentarios