Opinión

Carta aberta á xerarquía galega da Igrexa Católica

Nun artigo anterior, escrebín sobre o arrependemento esixido aos presos e exiliados cataláns para, seica, mereceren o perdón divino, isto é, o  dos gardadores do dogma español-constitucional. Cualificaba tal reclamación de sedicente aplicación a un asunto civil dunha mentalidade relixiosa. O Vaticano, a xerarquía da Igrexa Católica, que, historicamente, tan pouco practicou a virtude do seu fundador e si abondou en inquisicións, persecucións e castigos varios, é, en troca, nestes tempos, máis dilixente á hora de recoñecer e deplorar casos evidentes de (ab)uso sexual en centros varios da súa dependencia. Ocórreseme, logo, que sería moito horas de as autoridades eclesiásticas galegas entoaren a súa petición de perdón particular por mor dos desmáns cometidos polos seus antecesores na nosa nación, na Galiza. Perdón pola contundente españolización inflixida ao noso povo desde o século XVI; perdón pola brutal e constante erradicación da lingua galega en seminarios diocesanos e colexios; perdón por considerar a fala galega unha imperdoábel falta de comportamento; perdón polo arrasamento do bosque de Conxo dirixido polo Cardeal Payá; perdón polos “verdugos do meu esprito” de Rosalía de Castro; perdón pola prohibición de exequias na súa memoria na catedral compostelana; perdón pola denuncia a Curros; perdón por solicitar o bispo Ilduain a actuación do goberno e da guarda civil para cargar contra o povo de Cea que quería impedir a subtracción do baldaquino de Oseira, o que custou a vida de nove persoas, entre elas unha muller grávida e unha nena de 14 anos... Longo inventario de agravios que demandan perdón e reparación.

A Igrexa Católica está a tempo de acompañar o perdón descrito de boas obras que o acompañen. Por exemplo, dignándose elaborar unha relación de bens eclesiásticos de alto valor histórico-artístico existentes en toda a Galiza e dispóndose a dalos a coñecer, garantir a súa visitabilidade (sequer sexa algún día da semana), informar ao público da súa existencia e da necesidade de, para ben coñecer o país, ser precisa a súa visita e valoración. Así, a perdoanza significaría un acto de reconciliación cristiá co país de que tanto se beneficiou historicamente, a que tanto lle debe e cuxos edificios, arte e símbolos inzan por todo o territorio galego. En arameo, claro, no idioma en que Cristo predicou; perdón, en galego (onde terei a cabeza?).

Sempre digo que unha das impresións máis agradábeis que nos concede a vida é a de coñecer, por primeira vez, lugares aínda non pisados da nosa terra. Recentemente, esta novidade tivo lugar na vila de Xunqueira de Ambía, onde a súa colexiata nos deixou pampas. A riqueza monumental e artística é extraordinaria, non menor que a sonoridade do seu órgao, que escoitamos da man de Canco López, acompañado de Elsa Ferrer ao violino e coa interpretación doutros músicos e o recitado de varias-os poetas. Na antiga casa dos cóengos, figura a lápida que informa da inauguración do bispo Ilduain, antes citado. Moi ben podería figurar alí algo do relato que Eduardo Blanco Amor incluíu en Xente ao lonxe daquel tráxico suceso de 1909.

Atenciosamente. Unha galega.

Comentarios