Opinión

Carta aberta... a non sei quen

Non sei por que razón hai algunhas datas que fican na nosa memoria e a que vou evocar é unha delas. Tal día coma hoxe, hai cinco anos, o 29 de Setembro de 2015, tiven a honra de defender no Parlamento Galego a Iniciativa Lexislativa Popular que, avalada por máis de once mil asinaturas, demandaba algo realmente espectacular, extraordinario, excepcional: poder contemplar a obra de Castelao. Nada menos! Séndomos sabedores as e os membros da comisión promotora desta iniciativa da enorme cantidade e calidade da obra do noso artista, tan ousada proposta limitábase a solicitar que tal dereito cultural puidese ser exercido en número e variedade suficientes, téndomos en conta a dispersión da súa obra artística e o facto de o Museo de Pontevedra só ter exposta unha mínima parte da mesma. Tamén solicitabamos que se realizasen as xestións oportunas para que o lenzo ‘A derradeira lección do mestre’ viñese á Galiza e aquí ficase. Vir, veu, mais voltou como veu. Éxito total: a iniciativa parlamentar sucumbiu na votación do Pleno, mesmo sendo apoiada por todos os grupos da oposición. A espada flamíxera de San Miguel, o santo do día, non nos valeu, ou valeulle ao PP-Xunta para impedir a súa aprobación. 

Dous anos despois, exactamente no mesmo día 29 de Setembro, inaugurouse en Madrid, na ‘Real Academia de Bellas Artes de San Fernando’ a exposición “Castelao grafista. Pinturas, dibujos, estampas”, animada e comisariada por Miguel Fernández Cid. Durante oito semanas ficou na capital do Estado, con moi boa afluencia e aplauso do público visitante, acompañada da edición dun catálogo da escolma do artista de excelente calidade. Veñamos aos nosos días. Hoxe, temos pendente de leitura o segundo volume de Castelao, construtor da nación, de Miguel Anxo Seixas Seoane; A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, de Montse Fajardo, e tamén a visita á mostra que exhibe o Café Moderno, de Pontevedra, onde lemos que se expoñen facsímiles da colección de arte Afundación, debuxos de “Cousas da vida” e outros materiais castelaínos, mostra de novo comisariada por Miguel Fernández Cid e que seica estará aberta até o 23 de Xaneiro próximo. Castelao, por tanto, motivo de interese, análise, contemplación e aplauso. 

Ulo, o descomunal paradoxo? Seguimos sen poder (re)ver a súa obra en cantidade e variedade suficientes. Hai cen anos o nome de Castelao era moito máis coñecido do público galego que hoxe. É isto normal? Teñen algo a diceren a Xunta, a Deputación de Pontevedra, o Concello e o Museo desta cidade, a Academia de Belas Artes, a RAG, o Consello da Cultura Galega? Impórtalle a alguén? Na Coruña, dormen hibernadas  ducias de pezas de Castelao, nunha nave de propriedade bancaria. Moi de cando en vez, despértanas do letargo e podémolas ver. Insisto: é isto normal, en pleno século XXI, con case 40 anos de competencias en materia cultural?

Ouvín hai pouco nunha emisora de radio española as declaracións do comisario dunha exposición sobre Galdós, no centenario da súa morte.  Que entusiasmo na defensa do escritor! Lóxica paixón. Pena e envexa sentín. Talmente coma aquí, abofé, cos nosos equivalentes.

Comentarios