Opinión

Carta aberta á Facultade de Medicina

Nun meu artigo recente, verbo das continuadas protestas de pacientes e facultativos sobre a saturación e as deficiencias da atención primaria, incluín un poema de Ricardo Carvalho Calero, publicado hai 35 anos, que xulguei acaído para os tempos de hoxe, e rematábao pedíndolles a vostedes, profisionais da Medicina, que tivesen a ben saberen que o uso do galego tamén é terapia. Neste, véxome impelida a me dirixir ás autoridades da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela –decano e equipa decanal–, a todas as profesoras e profesores da mesma, aos seus estudantes e, en definitiva, á Reitoría da USC, cuxos estatutos declaran oficial a lingua galega. Naturalmente, a ignorancia literaria ou poética pode ser desculpábel ou comprensíbel. O uso “humanitario” dalgúns, ao menos, dos vellos médicos, tamén, neste tempo hipertecnificado. Ora ben, en pleno século XXI, o desprezo activo e pasivo da lingua de noso, da lingua deste país, do galego, é absolutamente INDIGNANTE. Só se pode comprender apelando a unha mistura de auto-odio, desleixo e, naturalmente, permisión de maltrato aplicada inicuamente ao que nos distingue colectivamente, admitámolo ou non: sermos galegas-galegos, por obra e graza do idioma, se evocamos a frase dun colega de vostedes que pouco tempo exerceu como médico, Castelao, pois dedicou as enerxías da súa vida a loitar polo seu povo política e culturalmente. 

O motivo deste artigo, profesores da Facultade, vén dado por unha anécdota reveladora. É escasísimo o uso do galego como lingua académica, oral-escrita, nas aulas da mesma. Con todo, houbo e hai estudantes que reclaman, no uso dun dereito lóxico e mínimo, poderen redixir os seus exames na lingua galega.

Velaí o enunciado dunha pergunta de Traumatoloxía: “Fractura de morna”. Incomprensíbel, nonsí? “Morna” é a forma feminina do adxectivo que indica unha temperatura tépeda. Tamén designa, se quixermos facer erudición, un xénero musical caboverdiano de que Cesária Évora foi mestra inigualábel. Que é o que o enunciado da pergunta quería indicar?: “Fractura de tibia”, do óso da perna. Para saír do paso, cóllase o texto español, métase na máquina pretensamente tradutora e velaí o resultado. Quen escolleu facer o exame en galego, tivo de desistir e acudir ao formulado en español. Non é unha anécdota isolada: hai moitos máis casos de disparates, auténticos insultos ao idioma, que converten o uso do galego en abertamente disuasorio ou imposíbel. Agravio e indefensión para estudantes, futuros médicos e médicas que, dignamente, queren cursar a súa carreira e exercer e a súa futura profisión en galego.

Que idea teñen vostedes do que é unha lingua? En que cabeza cabe que se pense que é traducíbel por unha máquina, e, por riba, sen a revisión correspondente? Enviaría algún de vostedes un texto en español ou en inglés a unha revista científica con frases como “Se a perdío en el ospital” ou “ealz sisten”, non sendo após beberen vodka? Indignante e deprimente, señores. A distancia entre dereitos retórico-declarativos e a posibilidade do seu exercicio é abismal. E a Consellaría de Educación, a velas vir, para variar.

Comentarios