Opinión

Carta aberta a...

... aos meus compañeiros-as de páxina (o título non me colle arriba). Mellor dito, non de páxina, senón de día, isto é, os colaboradores da terza feira, coma min. Temos unha Comba, unha María, un David, un Gonzalo e unha servidora. Así que, atendéndomos á orixe destes nomes, temos dúas “latinas” (Comba e quen isto escrebe); un “hebreu” (David); un “xermánico” (Gonzalo). Variedade total. Feliz eu de me atopar con tal diversidade de nomes que portan os amigos que partillamos día de publicación neste benéfico diario. E ben, esta condanícara a onde quererá chegar, perguntarase talvez alguén. Quero chegar ao seguinte. Ben sei que os nomes cristalizan unha identificación imposta e xa non son elocuentes: son marcas que levamos pola vida. Mais este exemplo de diversidade, ampliábel a outras mostras (somos con barba ou sen barba, vellos ou novos etc.), pertence á especie humana como tal, é ínsita a ela. Predicar, pois, a diversidade como un valor adxectivo, meliorativo, non ten, ao meu xuízo, moito sentido, fóra do propagandístico. A tal diversidade, a pluralidade, é un epíteto da humanidade: diversa, plural, variada, heteroxénea; e é este carácter esencial o que elimina a tentación de hexemonía, de primacía dun modelo, nun principio da radical igualdade de todo ser humano, que é tanto como dicer, do radical dereito á diferenza nesa igualdade: non fotocopias, non clons, non globais.

Ora ben, a “diversidade” non significa borrado de diferenzas. O que nunha comunidade dada garante a interacción social en igualdade é a posesión da mesma lingua. Soubérono e sábeno ben os nosos emigrantes. Intégraste nunha sociedade determinada, como primeiro paso, se podes e sabes practicar a súa lingua. Isto, e non outra cousa, é o que quixo dicer a alcaldesa de Vic nunha súa recente intervención parlamentar, que lle valeu a demonización de toda a maquinaria mediática española: fálese catalán a quen quer que for, non se cambie ao español, por automatismo rotineiro, porque esa oferta do idioma significa, mesmamente: “es coma min”. É catalá toda persoa que vive e traballa en Catalunya, como é galega toda persoa que vive e traballa na Galiza. Sobran recursos de axuda ou de acomodación se esa persoa os precisar. A que lle caíu á rexedora mencionada non está escrito. A enésima manipulación, todo por se adherir a unha iniciativa nada precisamente de colectivos de inmigrantes. Por certo, ese “automatismo”, agravado e aumentado, ese pasar ao español con persoas que o falan, é xustamente a nosa nai do año, a que deu e dá carta de natureza a unha práctica onde o galego sempre sucumbe, sempre desaparece: a adaptación non ao interlocutor, senón á lingua con mando en praza. Adeus á “diversidade”, benvidos á lingua única!

Este episodio tróuxome á memoria un outro por min vivido, mais que ficará para a próxima entrega desta colaboración, se consigo manter a curiosidade das leitoras ou leitores que amabelmente se dignen lela. Conclúo, non vaia ser, coa seguinte proclamación: diversidade, toda a que se quixer, a comezar por admitir e exercer a nosa humana, a que nos fai galegas e galegos, non porcións de nengunha outra identidade.

Comentarios