Opinión

Para cando un filme tipo 'As bestas' en ambiente español-europeo?

O meu pésame aos convictos e confesos de españolismo e de europeísmo. Vaia por Deus! Co doado que resulta acudiren á Galiza “profunda” (ula, a “superficial”?) para nela residenciar dramas de incivilizados bárbaros aínda non reconvertidos á necesaria modernidade, ou cando sempre hai a man unha república “bananera” que explique todos os atropelos e atentados contra a lei, resulta que, en pleno corazón europeo e europeísta, en plena Bruxelas, co-sede do Parlamento europeo, nada menos que unha vicepresidenta do mesmo e outros elementos vinculados á institución, andaron arrepañando cartos procedentes da modélica Catar. Pas de problème.

Todo lóxico. Se xa se teñen organizado e celebrado uns mundiais de futebol neste enclave da corrupción capitalista mundial, con todas as benzóns da podremia futbolístico-estatal, a que escandalizarse por que uns modestos representantes do europeísmo militante cobren a súa merecida parte?

Desde logo, a saída dun hotel do pai dunha eurodeputada-vicepresidenta cunha bolsa ateigada de billetes de 20 e de 50 euros, non me dirán que non é “hipercinematográfica”. Bastante máis que os fotogramas dunha aldea galega despovoada, da que ninguén nos explica por que o está.

Para cando un filme que retrate-caricaturice-parodie convenientemente o espectáculo da política institucional española, cun rei en fuga ben paga, uns familiares a viveren de todos nós, uns responsábeis políticos que fan do engano e da trapela o pan noso de cada día, uns outros que visibilizan o seu traballo (?) a golpe de redes sociais, uns persecutores inclementes do voto a custa do que for? (Por certo, o golpismo xudicial promovido polo PP é igualiño ao que, hai cinco anos, fixeron no Parlamento catalán, sen escándalo nengún dos progresistas españois).

Para cando un filme que teña a ben rir dos que nos maltratan, retratalos como merecen, após tantos anos de rir e burlarnos de nós mesmos, non vaia ser que se nos acuse de falta de autocrítica? Un filme non se improvisa, ben o sei. Cómpre dispor o financiamento, a produción, a post-produción, a contratación de actores-actrices, a rodaxe, a promoción... Por iso aviso con tempo. 

Outrosí. Para cando cairemos na conta do drama que supón que, nunha interacción calquer, abonda con que compareza o español nunha só persoa para que galego-falantes ambientais, habituais, na súa contorna próxima, familiar e coloquial, se rindan submisamente ao imperio do idioma superior?

Para cando nos decataremos da descomunal ausencia do galego da escrita normal e corrente, a que todo o mundo, nun ou noutro momento da súa vida, ten que ler: esquelas funerarias, información comercial, actos xudiciais, transportes, nóminas, historiais médicos, informacións deportivas, produtos alimentares...?

Alguén quer botar a conta de todo o que lle falta á lingua galega para ser unha lingua normal na terra e na sociedade en que se creou e medrou? Se ela está definida como a “lingua propia” da Galiza, como é que reina a allea? Ou que outra cousa significa “propia”? Realmente, a cantidade de narcóticos ou de estupefacientes que se nos administran e docilmente inxerimos é absolutamente desmesurada. Mais... tranquilas e tranquilos. As eleicións solucionarán maxicamente todos os males, pasados, presentes e futuros.

Comentarios