Opinión

A calidade da cultura popular galega

Lembremos –entre tantas amostras posíbeis– dous poemas da literatura popular galega, de propriedade colectiva, por tanto, non de autor individual. O primeiro:

Eu aló non fun.
Ela aquí non veu.
Nen eu llo pedín
nen ela mo deu.

Mais... pasar, pasou, dicía miña nai, de quen o aprendín. O segundo, que coñecín no seu día mercé a Carlos Paulo Martínez Pereiro, reza así:

Non sei que ten o canteiro,
non sei que ten, que non canta.
Anda darredor da pena,
e a pena non se lle arranca.

Hai un tópico rancio que nos atribúe todo tipo de nebulosidades, equívocos, ambigüidade calculada, espírito taimado..., en fin, atributos de povo que non é de fiar. Hai un outro lugar común –con pretensións eruditas– que abunda na idea de a literatura popular nosa ser simples, pícara, rebuldeira..., propria, en suma, do suxeito que a creou, un povo ignorante da cultura formal e, por iso, incapaz de altura lírica e de creacións orixinais que fosen máis aló do empírico directo. Quen examinar con algo de atención, porén, estas pezas da nosa literatura patrimonial-popular, non deixará de se admirar da cantidade e calidade de recursos literaturizadores –por tanto, formais, elaborados– que ambas conteñen: enigma á mantenta, encobrimento, simbiose do mundo do traballo e do íntimo psicosomático..., por non falarmos da destreza versual e métrica, e, como non, da súa musicalidade. Amizades coñecedoras da música e das súas regras teñen convertido estes poemas en cancións con diferentes melodías, desde o alalá a outros ritmos do noso folklore musical.

Aqueles preconceitos que citei, como non podía ser menos, contaxiaron o xuízo aplicado a boa parte da nosa poesía culta, aquela que mesmamente bebe do popularismo para o dignificar e elevar á escrita literaria perdurábel a súa riqueza. Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, padeceu xa en vida dela semellante operación desfiguradora, e importa moito, coido, resgatar tal obra da petrificación musealizadora de que foi obxecto. Os Cantares... son reflexo (no sentido luckacsiano do termo) dunha cultura viva a aquela altura, non recreación en clave etnográfica ou antropolóxica. O prodixio que supuxo esta obra inaugural da literatura galega contemporánea foi xustamente elevar á categoría da máis depurada épica-lírica o caudal creador dun povo que existía en por si e estaba orfo de calquer amparo institucional ou superestrutural. E isto, asociado a un selo autorial moderno, interpretativo, non reprodutivo nen reducionista.

Os derradeiros anos de vida da nosa escritora, década de oitenta do século XIX, coinciden coa inauguración de grandes museos nas principais capitais europeas que se nutren do espolio de centos de miles de pezas arrebatadas ás súas colonias. Está na moda competiren por ver quen expuña máis e mellores obras de arte arrincadas ao Congo, a Benín, a Nixeria..., para deleite e investigación de antropólogos e etnógrafos e mais para afincar nos nativos explotados a idea da súa falta de historia, do seu primitivismo e da súa carencia de futuro, non sendo o disposto pola potencia colonial correspondente: Franza, o Reino Unido, Bélxica, Alemaña... Décadas levan as ex-colonias a reclamaren o que lles foi ignominiosamente furtado. Nós tamén deberíamos practicar a reapropriación correspondente.

Comentarios