Opinión

Café para todos

Quen tiver memoria dos derradeiros anos 70 e primeiros 80 do pasado século lembrará unha moi coñecida expresión atribuída ao ministro Clavero, da UDC, no goberno español presidido por Suárez: "Café para todos". Referíase, naqueles anos da chamada transición, á creación de autonomías por decreto, no artificio sobre o que se montou a Constitución promulgada en 1978. Do que se trataba era de descafeinar, quer dicer, desnaturalizar e neutralizar a existencia no seo do Estado español de nacións reais e con antecedentes históricos na elaboración dos seus Estatutos de Autonomía na 2ª República (o galego, como é ben sabido, boicotado, plebiscitado baixo condicións leoninas e só resgatado polo empeño de Castelao nas Cortes celebradas en Montserrat en Febreiro de 1938).

Para non recoñecer este feito histórico, no novo rexime programouse constitucionalmente a creación artificial de comunidades autónomas. A provincia de Logroño pasou a ser Rioja (comarca vinculada ao río Oja, que, en todo caso, comprende tamén parte da provincia de Álava ou Araba). Santander, Cantabria (o nome, por certo, que Emilia Pardo Bazán daba á Galiza). Por se non abondase coa hipertrofia elefantiásica de Madrid como capital do Reino, tamén nela se fabricou unha Comunidade Autónoma, con himno improvisado incluído. Andalucía vota a súa autonomía vulnerando a própria disposición eleitoral constitucional. As dúas cidades coloniais de Marrocos, Ceuta e Melilla, tamén convertidas en comunidades autónomas. E así seguido...

Xa en 1937 (1º libro de Sempre en Galiza), Castelao víase impelido a aclarar que, sendo o español un Estado plurinacional, a solución federalista só tería sentido sob o libre consentimento de catro nacións: Castela (léase toda a España de lingua castellana), Cataluña, Euzkadi e Galiza, e despois todas as autonomías que puideren concederse dentro de cada nación. Isto é, alerta xa sobre o "café para todos".

A Constitución española vixente desde 1978 é tan moderna que mantén a división provincial de 145 anos: a decretada por Javier de Burgos en 1833. Por suposto, mantén as Deputacións provinciais, igualmente decimonónicas. Acompañadas ambas da administración autonómica, nun xogo perverso que con aguda lucidez denunciaba Carvalho Calero en 1983: "Unha Constituizón en que se estabelece un Estado autonómico mantendo o Estado unitario; en que se transferen competencias, mais se conservan as estruturas centralistas; en que á veira do Parlamento temos as Deputacións; a carón do presidente, o delegado do goberno; xunto os conselleiros, os gobernadores civis; ao lado, enfin, da própria Comunidade, as impróprias provincias...". Alguén calculou o sobrecusto deste anacronismo?

Nesta operación de falseamento e estúpida sofisticación da realidade, estaba cantado que, contravindo o refrán, o hábito quixese facer o monxe. Os españois chufábanse de novas identidades e os que non o somos tiñamos que o ser á forza. E como a lingua específica é elemento distintivo da Galiza, de Euzkadi e de Cataluña, cumpría, como non, esborrifar e perverter todo, para neutralizar ou destruír o evidente. Invéntase un idioma valenciano xebrado do catalán; fálase dun aragonés, no canto da variedade da franxa occidental de Cataluña... Nesta lóxica do neoespañolismo furibundo, négase (tabú!) a existencia do galego nororiental na actual Asturias, substituíndo o real galego pola denominación "eonaviego", como xa comentaron neste diario Xoán Costa ou Henrique Monteagudo. De onde demo procede a tal "fala" se non é do galego?!

En fin, señores, troceen o español canto quixeren, ad maiorem gloriam, iso si –non nos enganemos–, do seu imperio e da súa imposición, e déixennos en paz aos demais.

Comentarios