Opinión

Bayadolí

Unha mistura de cansazo e indignación. En pleno século XXI, temos de aturar a deturpación inflixida aos nosos nomes de lugar, a barbarización de que falaba Castelao con exacta denominación hai máis de 70 anos. Ter que lembrar –38 anos após se promulgar a Lei de Normalización Lingüística, cuxo único artigo prescritivo é mesmamente o 10º, o atinente á toponimia– que A Toxa se chama A Toxa, e ter que lembralo, con vergoña allea, ao Xefe do Estado, a galegos gobernantes en activo, ex-gobernantes, magnates da hostalaría, ministras e demais membros da elite dirixente e ‘chupóptera’, causa noxo. Os señores López Seixas, Feixoo, Raxoi pódense poñer cabeza para abaixo, pés para arriba (como se nos dicía na infancia):  os seus apelidos son galegos e só galegos. Acontece que o sobrelevan como un estigma e para circularen social e politicamente han de pagar o tributo ao amo salvador: deforman os seus nomes para os facer admisíbeis a aquel. A desgaleguización metida a ferro desde hai séculos non hai lei ‘autoanémica’ que a cure. En perfeita simetría co desaparecemento oficial da Galiza nas súas mentes e nas súas bocas, por abdución-absorción de España-Europa, nen sequer se conceden o dereito a chamárense como nos chamamos. 

Porque cómpre lembrar dunha vez por todas que ninguén de nós é dono a título individual do nome que porta, que este é unha propriedade colectiva, que o é por unha sanción social en virtude da cal temos lingua propria e existimos como povo específico. Enrubia lembrar estas evidencias: “Toja”, “Feijoo”, Rajoy” non son versións españolas do galego orixinario: son adaptacións forzadas, violentas, á única lingua, a oficial do Estado, que se considera enteira e verdadeira. En Compostela existe a Casa da Praza Feixoo, construída por Domingo de Andrade; na mesma cidade, Raxoi denomina o palacio que alberga o Concello e o Consello da Cultura Galega; a Toxa é nome da illa e doutros lugares do país (as fervenzas do Toxa, afluente do Deza, por exemplo). Seixas rexístase en millenta lugares da Galiza e de Portugal.

O absurdo chega ao delirio cando noticiarios de Radio 5 (RNE) informan do “Foro de la Toja que se celebra en la Illa da Toxa!! Que opinión mereceríamos os galegos se nos dese por escreber, en fonética vulgar, Bayadolí (ou Bayadoliz), por Valladolid? Consentiría o sr. Piqué que se dixese que naceu en “Villanueva y la Gertrudis, de la Garrafa”, en lugar de Vilanova i la Geltrú, da comarca do Garraf (si, xa sei de sobra que “Geltrú” non ten a ver con Gertrudis: é só para practicar a mesma deformación arbitraria que nós, galegos, padecemos). Que tal, Nadia Calvillo?

A manifestación prevista pola CIG, prohibida. A concentración da Mesa pola Normalización Lingüística, disolvida contundentemente, mesmo sendo absolutamente pacífica e a considerábel distancia do lugar onde os oligarcas se reunían para a súa auto-masaxe particular, paga, iso si, co diñeiro de todas e todos nós, incluídos os 241 millóns de euros de resgate público concedidos a Hotusa, a multinacional do sr. Seixas, natural de Chantada, perdón, de La Clavada. Blindaxe a proba de todo. Que blindaxe ten a lingua galega?

Comentarios