Opinión

Bautista Álvarez, patriota galego

Viñamos do cemiterio de Santo Amaro, na Coruña, de render homenaxe debida á memoria de Pedro Galán Calvete. Tal día coma hoxe, 16 de Setembro, de 1936, foi achado morto na Corveira (Culleredo) por leiteiras que ían á Coruña venderen o seu produto. Morto de morte matada, por ser nacionalista galego, por defender a súa nación, por que a Galiza cobrase conciencia de si. Dezanove anos de vida truncada pola barbarie españolista. Foi no remate deste acto, organizado polo BNG da Coruña, cando Roberto Vilameá nos comunicou a nova do falecemento de Bautista Álvarez, fundador da Unión do Povo Galego, patriota exemplar, amigo, construtor firme e perseverante do nacionalismo galego contemporáneo. 

Non temos o ánimo preciso para achar as palabras de recoñecemento, de gratitude, de homenaxe merecida a un camarada, a un compañeiro, que en tempos da máis crúa inclemencia política e social, en plena ditadura, decidiu dedicar toda a súa vida a crear conciencia galega, a facer certo o principio de auto-organización, a erguer a voz independente e libre para conseguir que a Galiza existise en por ela. 

En tempos da máis crúa inclemencia política e social, en plena ditadura, Bautista Álvarez decidiu dedicar toda a súa vida a crear conciencia galega, a facer certo o principio de auto-organización

 

Palabras que seguen a comprometer o noso traballo como nacionalistas hoxe, mais que cobran un outro valor se temos en conta o ponto de partida. Hai setenta anos, cando Bautista contaba catorce, estudante no Seminario de Ourense, xa daquela leitor voraz, dá en ler, na biblioteca deste centro, menos suxeita á censura reinante, revistas da emigración galega na Arxentina. Nelas, entéirase de que a Galiza votara un Estatuto no ano 1936, de quen fora Castelao, do movemento nacionalista galego activo antes da fatídica data de comezo da guerra civil española. Botouse a chorar: aquilo era unha revelación, unha auténtica epifanía. Desde aquela data, a súa vida estivo consagrada á descoberta e á significación da Galiza, a rachar o mutismo imposto, o descoñecemento de nós, o auto-desprezo inoculado como virus mortal na nosa sociedade. Tarefa hercúlea, porque, a diferenza de bascos e cataláns, a fractura que a nós, galegas e galegos, se nos impuxo foi moito máis fonda e grave. Sen apoio social, con miles de mortos, paseados e represaliados non recoñecidos, aturando todos os desprezos do españolismo de dereitas e de esquerdas, a xenofobia tradicional e a renovada, con nulos ou ventureiros contactos co exilio, coa disolución programada do nacionalismo galego no interior do país... Este é o panorama previo á creación do grupo Brais Pinto en Madrid, á actividade cultural galega no Clube de Amigos da Unesco nesta capital, á fundación, en fin, da Unión do Povo Galego en 1964. Pecado mortal para os aniquiladores da Galiza: recoñecer que somos un povo con historia propria e coñecíbel como tal; afirmar os nosos dereitos como nación; levalos á práctica política en todos os ámbitos; afirmar, sen complexos e coa creación de ideas e de alternativas desde nós mesmos, que non somos individuos de Protectorado, que non só non precisamos da tutela española, senón que a combatemos.

Botouse a chorar: aquilo era unha revelación, unha auténtica epifanía

 

Tal pensamento e tal actuación mereceron, claro está, todos os castigos posíbeis no rexime anterior e mais no actual. Bautista pagouno con sucesivas detencións, torturas, encarceramento, proscrición. ¿Como non lembrar a ilegal e ilexítima desposesión dos dereitos como deputados en activo no Parlamento Galego del proprio, de Lois Diéguez e de Claudio López Garrido, a supresión aberrante de tres escanos na Cámara galega, tres escanos que só se debían ao voto correspondente do povo galego que apoiou as candidaturas do Bloque Nacional-Popular Galego / Partido Socialista Galego? Podémolo recordar coas súas proprias palabras, as da sesión do Pleno do 23 de Novembro de 1982: "... pese a todos os atrancos que se lle puxo ao nacionalismo galego, o Bloque-PSG tivo acceso á Cámara autonómica, e como tivo acceso había que tenderlle unha trampa, había que descualificalos politicamente, facéndolles xurar unha Constitución que non entra dentro do seu programa (porque, moitas veces, dixemos que necesitabamos superar o marco autonómico e o marco constitucional para que ese programa tivese virtualidade). A uns Deputados que pertencemos a unha formación política que ostentou, abandeirou a oposición á Constitución española cando se someteu a referendo no ano 1978, e igualmente abandeirou o “non” ao Estatuto de Autonomía, cando este foi sometido a consulta do pobo galego. Tratábase de descualificarnos ou de invalidarnos na nosa función parlamentaria".

Pecado mortal para os aniquiladores da Galiza: recoñecer que somos un povo con historia propria e coñecíbel como tal

 

Eis a entraña  -onte coma hoxe-  da pregoada democracia á española: a que mantén o ferrollo da norma e, se esta aínda non é suficiente, non ten inconveniente en alterala para destruír a voz galega.

Compañeiras e compañeiros, amigas e amigos, eu comparezo hoxe aquí sen máis títulos que a encomenda que me fixeron en 2004 os meus correlixionarios para constituír a fundación que levou o seu nome e que naceu xustamente o ano en que se cumprían 40 da Unión do Povo Galego, o único partido de obediencia galega fiel ás súas orixes, ao seu nome e con continuidade acreditada desde hai 53 anos. Voces moito máis autorizadas do que a miña, no político e no persoal, comunicarían con moita máis eficacia, verdade e beleza a vera effigies de Bautista Álvarez. Permitídeme só que, en nome delas, usurpe un dereito de palabra que só aspira a recoñecer en todo o seu valor o contributo ao nacionalismo galego dunha persoa que consagrou a súa biografía á causa da dignidade, da liberdade e dos dereitos da Galiza, a erguer un patriotismo firme e sen claudicacións, a compor, en fin, unha outra imaxe do galego político, do nacionalista entregado a unha misión que precisa aínda de todas e de todos nós, se non queremos que a nación sucumba na maré española e global.

Voces moito máis autorizadas do que a miña, no político e no persoal, comunicarían con moita máis eficacia, verdade e beleza a vera effigies de Bautista Álvarez

 

Editamos tres volumes das súas obras escollidas: convido a todos os presentes a voltaren á súa leitura, como alimento ben cumprido para o noso coñecemento e para as nosas conviccións. En 2004, publicamos igualmente o opúsculo Bautista Álvarez. 40 anos da UPG, 40 perguntas. Del é esta afirmación da máxima actualidade: "... o irrenunciábel é o que constitui a esencia mesma do nacionalismo: a defensa da identidade nacional  e do direito de autodeterminación. Non se pode substituír estes obxectivos, na teoría ou na prática política, por outros sucedáneos". Nesas estamos. Gostaba moito Bautista dunha metáfora que tomou da escritora Marica Campo: os tripulantes dun barco que, para navegar rapidamente, ían soltando lastro para avanzar a cada paso máis velozmente; neste afán, botaron tamén pola borda os víveres, así que morreron de inanición. Nós ben nos decatamos de que debemos traballar sen pausa, mais sabéndomos  -como el sabía-  en que dirección navegamos, con que fin e con que carga insubstituíbel. A súa memoria e o seu exemplo axudarannos na travesía que aínda ten moitas singraduras que cumprir.

Bautista Álvarez, descansa en paz.

Viva Galiza ceibe, viva a patria galega!

Comentarios