Opinión

Ano Santo, Xacobeo, Macabeo

Ano Santo é a denominación orixinal dunha celebración da Igrexa Católica que se remonta ao século XII: cando o día dedicado ao apóstolo Santiago o Maior cadrar en domingo, os que cumpriren certas condicións gañarán o xubileo. Para obter a compostela ou certificación de teren feito o Camiño de Santiago, han de xustificar motivos relixiosos ou espirituais, facer polo menos 100 km. a pé ou a cabalo ou 200 en bicicleta (innovación recente, claro está). Século XII: esplendor compostelano, cando a Galiza era alguén en Europa, isto é, cando a súa potencia política lle permitiu inventar un mito-imán que competise con Xerusalén e con Roma, os grandes focos do cristianismo, e reforzar en todo caso o seu marco de relacións económicas, comerciais, diplomáticas, no continente. Que ten isto a ver coa conmemoración actual? Ren. 

O actual Xacobeo é unha invención do ano 1993, directamente relacionada coa pretensión de ser alguén no cuadro autonómico español. O ano anterior, 1992, coñecera magnas celebracións en Sevilla (Exposición Universal) e en Cataluña (Olimpíadas) e cumpría procurar algo que atraíse turistas á Galiza, na liña do que o presidente da Xunta Fraga Iribarne promovera a fondo no Mº de Información e Turismo desempeñado na ditadura: o cultivo insistente da chegada a España de millóns de turistas de todo o mundo, coa conseguinte supeditación da economía ás necesidades desta actividade (hostalaría, restauración...), para alén da promoción directa de compañías aéreas, de modo e maneira que, mentres decenas de miles de galegas-os emigraban a destinos europeos (Suíza, Alemaña, Franza, Reino Unido...), á Galiza –maravilla das maravillas da hospitalidade, baratura, bon comer, paisaxe...– comezaban a chegar “peregrinos” (?) en anuncio indiciario do grande aluvión que non fixo máis que comezar no fin do século pasado. O Xacobeo é, pois, fillo daquela programación fraguiano-franquista, por moito que tivese de entusiasta “descobridor” o sr. Portomeñe, como conselleiro do ramo.

O Macabeo non é un invento meu. Con toda a candidez, así se referiu ao Xacobeo o vello cantante de Los Panchos na TVG. Confusión lóxica: a Igrexa convenientemente aliada do poder político e dos intereses comerciais (onde a expulsión dos mercaderes do templo do seu fundador?) e aquel a contravir a teórica aconfisionalidade da súa natureza. No meio de todo o enguedello, millóns e millóns de euros (só 7’4 escandalosos destinados a un Monte do Gozo hoxe deserto!) ao servizo de máis españolización, máis ignorancia da historia da Galiza, máis redución orzamentaria en materia cultural, máis desatención ao riquísimo patrimonio histórico-artístico galego que clama por plans directores que actualicen o seu valor.

Unha Administración autonómica ao servizo das grandes empresas do espectáculo e dun turismo que converteu Compostela en ridículo parque temático. E hogano? Tanto desembolso en albergues, tanta subordinación aos visitantes, tanta ausencia de retorno...: a parálise do que nunca foi nen un sector económico nen unha fonte de economía real e durábel. Xacobeo ou Macabeo: irreconvertíbel. Reviravolta completa á política cultural galega.

Comentarios