Opinión

Algo máis por absorber?

Refírome á absorción de Madrid. E cando falo de Madrid, fágoo da metonimia política ou, como diría o xornalista catalán Iu Forn, do concepte. A última, a centralización na capital española da xestión dos centros territoriais de Correos. Outra reconversión (privatización?) dun servizo público, perda ou conxelación de empregos e, por suposto, nova medida de política lingüística pro-español. A penúltima, o anuncio de futuro pagamento de portaxes nas autovías e estradas. A antepenúltima, a elevación do Tribunal Supremo a máximo decisor á hora de abenzoar ou non as medidas autonómicas dispostas para substituíren o finado estado de alarma. A diferenza de criterio de diferentes tribunais de xustiza nas comunidades autónomas, á vista está. Debe de ser outra das avantaxes da gobernanza (?). Seguimos a pagar sede da xefatura do Estado, con todas as súas ramificacións, familias, seguranza, luxos e funcionariado servidor, civil e militar. Seguimos a pagar as sedes dos tres poderes, lexislativo, executivo e xudicial. Seguimos a pagar ministerios creados para acomodar elementos partidarios. Seguimos a pagar unha comunidade autónoma, con toda a súa burocracia, que aumenta o tamaño elefantiásico da administración. Na máis pura tradición colonial, seguimos a proporcionar bens e recursos e man de obra para empresas cuxa fiscalidade reside en Madrid, como a existencia dun rexime fiscal previsto para cebar máis o gran capital e as grandes fortunas. Seguimos a pagar un Banco de España, cando a moeda depende do patrón europeo.

Hai máis de vinte anos, sendo ministra de Cultura a finada Carmen Alborch, pagamos vinte e catro mil millóns de pesetas para a restauración do Teatro Real, cantidade que ascendeu a cuarenta mil millóns no importe definitivo. Mentres, estabamos denunciando o estado de abandono da Muralla de Lugo e reclamando a necesaria atención orzamentaria para un monumento único que o Estado nunca tratou debidamente. Por non falarmos de castelos, castros ou tantas outras pezas do patrimonio histórico-artístico galego. 

Cando coinciden, no partido ocupante do goberno, o español e o da Xunta, todo vai ben a ollos desta. Cando son diferentes, o segundo apóntase a esquivar a súa responsábel acción de goberno, amparándose na desatención ou maltrato da superioridade española. Agora hai preocupación polo destino dos profetas mateanos e mais da parte da biblioteca de Emilia Pardo Bazán que aínda fican nas Torres de Meirás. O Estado ostenta a propriedade mais despacha o destino de ambos bens na declaración como Ben de Interese Cultural da Xunta. Alguén dá máis?

E para acabar de favorecer a dor de cabeza, temos de aturar, sobreposta á invención do "nacionalismo español", a do "nacionalismo madrileño". Segundo esta manipulación semántico-lexical, como haberíamos de chamar o seu contrario, o nacionalismo galego, catalán ou basco? Talvez SRA (Sociedade de Resentidos Anónimos)? Que lóxica ten utilizar o mesmo significante para significados antitéticos?  Tíñao moito máis claro, hai máis de cen anos, Dª Emilia Pardo Bazán, autodenominada "española rabiosa". Isto é, en vocabulario de hoxe, española supremacista.

Comentarios