martes 20/10/20

A historia continúa...

Escrebo este artigo na primeira hora da segunda feira, así que ben comprenderán, e desculparán, o seu obrigado esquematismo. O nacionalismo galego, o BNG, obtivo un resultado absolutamente fulgurante, que merece todos os parabéns e o ánimo para continuar o traballo político que fica por diante. Volve ser a representación parlamentar semellante á da fin do século pasado, con tres forzas políticas no seu seo, dúas estatais, españolas; unha, nacionalista. Ficaron varridas da Cámara as auxiliares, as adherencias; o campo españolista está representado polo continuísmo tradicionalista e, a moita distancia, polo partido que ostenta a maioría do goberno español. Lembro vivamente os comentarios con vocación de dogma de todo o españolismo de dereitas e de esquerdas de hai catro anos, no verán de 2016: a irrelevancia do BNG, o seu inevitábel desaparecemento-disolución, a fin de ciclo (?) na política galega, a im-pertinencia do nacionalismo galego, o seu fracaso irreversíbel, en fin. Vese que, face a tanto mareo verbal, había “biodramina” abondo, e as cifras así o certifican. Unha gargallada de risa, como dicía aquel personaxe de Manuel María...

Ora, non hai nada tan brutalmente material como a realidade. Así o proclamaba no seu día (1867) Rosalía de Castro. O PP “ocupa” a metade, grosso modo, dos votantes galegos. O seu asento na sociedade galega continúa beneficiando os máis vellos vicios do clientelismo e pagamento de favores, mais non só. É capaz de vender unha sorte de neorrexionalismo que se adapta á pequenez e á dependencia fundamente instaladas no povo galego, educados que fomos na ignorancia da nosa historia, da nosa existencia e, con ela, na ausencia de dereitos e deberes. O PP é á Galiza o que o castrapo ao galego (e espero que se me entenda a analoxía gramatical). Para o nacionalismo, coido que é vital conxurar de vez o reaccionario mito bíblico da muller de Lot, Edith, a que se converteu en estatua de sal por ousar ollar para atrás, contravindo a orde de Iahvé. Cómpre coñecer, por contra, a historia, non para imitala nen repetila, senón para superala: a ilusión, o afecto, a simpatía, a vontade de cambio... han ir acompañadas da creación dunha conciencia galega duradoira, que tanta falta fai. Isto leva tempo e esixe labor continuado de fixación e de sedimento. Ollemos só o naturalizado que está o confinamento dialectal do galego, a súa falta de vigor social, de uso con voz ben alta e clara, lonxe de toda compracencia endogámica.

Hoxe, 13 de Xullo, a realidade é idéntica á de onte. Permítanseme só dous datos. A Comunidade  Autónoma arrasta unha débeda pública de 11.687 millóns de euros, por un orzamento da Xunta de 10.149 millóns para o 2020. Na cidade onde moro, A Coruña, entre 2016 e 2020, perdemos 543 eleitores residentes nela e “gañamos” 2.082 residentes ausentes, isto é, emigrados. Si, amigas e amigos, brindemos polo bon suceso eleitoral que nos conforta como galegas e galegos. E, após o brinde, dispoñámonos a fortalecer a nosa conciencia política e a alargar unha base social que manteña non só a adhesión ao voto senón a necesidade de existirmos como povo adulto.

comentarios