domingo 25/10/20

A Galiza, 'traducida'

Maio longo..., maio longo
todo cuberto de rosas:
para algús, telas de morte;
para outros, telas de vodas

Maio longo, maio longo
fuches curto para min:
veu contigo a miña dicha,
volveu contigo a fuxir

Inauguramos Maio con este coñecido poema de Rosalía de Castro, que pertence ao Libro II, “¡Do íntimo!”, de Follas Novas. Un artigo que Carvalho Calero incluíu no seu Estudos rosalianos (1979) faise eco dunha tradución ao inglés de poemas da escritora realizada por Charles David Ley, que reza así: Long month of May, long month of May, / You are all covered with roses. / For some they are like their gravesclothes, / For others, they´re like a bridal-dress. O tradutor, como se ve e aponta o profesor, leu “telas” (do verbo ter) á española (en galego, serían “teas” ou “tecidos”) e de aí o equívoco. A nosa grande escritora padeceu moitas traducións-versións erradas. Houbo quen leu “tea” tamén á española (como equivalente de “facho”) e de aí derivou unha rocambolesca interpretación pseudopsicanalítica do poema “Tecín soia a miña tea”. Houbo quen, en fin, traduciu o verso “donde a miña nai foi nada” (neste caso, de “Como chove miudiño”, de Cantares gallegos) como “donde mi madre fue nada” (!), cando o verso se refere, claro está, ao lugar onde a nai da autora naceu. Traduttore, traditore? Non, máis ben ignorancia do galego e influxo imantador do español. Ben sabemos, porén, que a tradución perversa que a nosa escritora padeceu non se limita a erros semánticos e / ou estilísticos, senón de máis grave fondura e consecuencias: desfigurala, facela pasar polo contrario do que foi, aplicarlle unha ortopedia deturpadora que a converteu na antítese mesmo do que escrebeu e do que pensou e sentiu, da súa función real e transcendencia verbo da Galiza, das mulleres ou da  moral e mentalidade avanzadas que profesaba.

Pois ben, a Galiza continúa a ser traducida no presente. Agora, seica hai quen se admira de que o alto mando español ordene e dispoña a “descontracción” por provincias, nun novo (?) aceno centralizador. Vaites, vaites! Señores: as provincias están mantidas, e ben mantidas, na Constitución española vixente. Se vostedes a adoran e a impoñen como sagrada, de que se lamentan? 145 anos despois (de 1833 a 1978), a lei de leis consagra tan moderna repartición do Estado, esa que agora se dá como “arcaica” ou inaplicábel. Xa o advertía en 1983 Carvalho Calero: Unha Constituizón en que se estabelece un Estado autonómico mantendo o Estado unitário; en que se transferen competéncias, mais se conservan as estruturas centralistas; en que á veira do Parlamento temos as Deputacións; a carón do presidente, o delegado do goberno; xunto os conselleiros, os gobernadores civis; ao lado, enfin, da própria Comunidade, as impróprias Províncias (para que os maxistrados e instituizóns mencionados en primeiro lugar de cada par, sexan convenientemente marcados, vixilados e moderados polos funcionários e organismos citados en segundo termo) […]. E sentencia, afinal, que se non se proceder á mudanza deste rexime xurídico e político, as Comunidades Autónomas non marcharán, e o Estado español tampouco. Velaí.

comentarios