Opinión

8 de Marzo

Velis nolis, o conflito nacional  -ou, se se quixer, o dereito á propria identificación como povo, como país distintivo-  atravesa todo canto se fai, todo posicionamento político, toda acción social, toda mobilización, por activa ou por pasiva, por recoñecemento ou por negación. O feminismo non é alleo a isto, máxime en tempos de confusión xeneralizada, de asunción retórico-cosmética dun macro-problema cal é o sexismo e a discriminación sostida das mulleres. Cego á nación, á clase social, ás destinatarias da mensaxe pretensamente contestataria, o feminismo devalúa ou anula a forza potencial que debera ter e esquece pautas cardinais que as nosas antepasadas  -a comezar por Rosalía de Castro-  tiñan ben claras. 

Cego á nación, á clase social, ás destinatarias da mensaxe pretensamente contestataria, o feminismo devalúa ou anula a forza potencial que debera ter

 

Direino rotundamente: o feminismo españolista da Coruña practica a EXCLUSIÓN das organizacións netamente galegas, convértese en descarado portavoz do Concello e do goberno municipal, repite lema usado por este o ano pasado: “Mulleres que transforman realidades” (que tanto vale para España como para Burundi) e organiza unha manifestación onde se prohibe directamente calquer simboloxía que non sexa a das/dos convocantes. A do Concello si pode existir; as demais, vetadas. En resumo: a Galiza non existe; a Galiza non debe existir. Ergo, o nacionalismo, tampouco. Para arredondar o círculo, escollen como “madriña” unha Condesa. Non é unha Condesa calquera, claro está: é Dª Emilia Pardo Bazán. Se comezo por definila así, é porque ela pelexou toda a vida para que tal título pontificio (herdado do pai) lle fora recoñecido como título de Castilla (e así legarllo a seu fillo varón), cousa que conseguiu en 1908, porque  -segundo ela mesma se congratulaba-  “estaba escrito en las estrellas” que condesa era e condesa había de ser. Sobre o particular feminismo de Dª Emilia teño escrito e publicado en diversas ocasións e lugares, coido que coa debida ponderación. Non vou reiterar argumentos. Só lembrarei que a súa confisión feminista conviveu sempre co seu conservadorismo, o seu clasismo, o seu moralismo e o seu ultracatolicismo, todo o cal a leva a prostrarse emocionada perante o papa León XIII nas vodas de ouro sacerdotais deste pontífice e a sentirse non menos extasiada perante D. Carlos, o Pretendente, o xefe do bando carlista, residente na mesma Roma (“Mi romería”, 1888), ou a negar a súa asinatura nun escrito de petición da legalización do divorcio que lle envía Carmen de Burgos (1904). Naturalmente, todo isto é solidario e connivente coa súa posición sobre a Galiza, as mulleres galegas do povo e a nacente literatura galega, que xulga atentatoria da única patria merecente de existir, a española, e perigosa semente de separatismo. Todo isto, repito, está escrito, analisado e publicado, o que non obsta para que se comenten e expliquen as súas achegas teóricas ou apoloxéticas neste tema, mais, insisto, son as súas posicións ideolóxico-morais as que formatan, condicionan e rebaixan o seu feminismo, como ela mesma, coa elocuencia que a caracteriza, se preocupa de revelar. Para saber isto hai que a ler, claro está, cousa que dubido que se faga por parte de moitos dos seus propagandistas; cousa que si fixeron  -e na dirección apontada-  estudiosas como Nelly Clémessy ou Leda Schiavo. Non invento nada.

Direino rotundamente: o feminismo españolista da Coruña practica a EXCLUSIÓN das organizacións netamente galegas, convértese en descarado portavoz do Concello e do goberno municipal

 

Na Coruña, na tarde do 8 de Marzo, manifestarémonos, con Rosalía de Castro á cabeza, todas e todos aqueles que nos definimos como o que somos: galegas e galegos; que non renegamos da nosa historia e que proclamamos no xa lonxincuo 1980: “Rosalía de Castro, a primeira feminista da nación galega”. “Galegas polo 8 de Marzo”, sen máis: eis a nosa identificación. No fondo de todo o dito arriba, latexa o vello, reaccionario e reseso prexuízo en virtude do cal nacionalismo e feminismo son incompatíbeis. Isto na terra onde naceu e traballou Rosalía de Castro! Hai que ter valor...

“Segundamente”. Lin neste mesmo dixital a nova da campaña nacional do BNG para esta data, centrada na publicación e difusión dun cartaz que porta o seguinte lema: “O máis grande de Galiza está até a cona de...”. Lin a noticia con toda a atención, porque o que segue é o catálogo de situacións e discriminacións que son obxecto do fartádego feminino. Diríxome agora, se mo permitides, ás compañeiras e compañeiros da Executiva do BNG, na intelixencia de que terán a ben repararen nas seguintes observacións que anoto a continuación:

1ª. En primeiro lugar, o texto escollido é inintelixíbel non téndomos en conta o cartaz propagandístico da Xunta editado co gallo da efeméride do 25 de Novembro (algo así como “As mulleres, o máis grande de Galicia”), texto e cartel que xa no seu día foi convenientemente denunciado, criticado e contestado por parte do BNG. Alguén me pode explicar por que temos que ir ao reboque do PP e da Xunta, como se o noso cometido fose existir para facermos comentario de texto do que ás mentes preclaras de ambos se lles ocorreu hai catro meses?

2ª. A utilización da palabra central e de maior tamaño, “cona”, por sobre ser unha ordinariez nunha mensaxe pública dunha organización política (non un clube, non a transcrición da linguaxe tabernaria, non o libre uso individual de quen lle pete falar deste xeito), imita directamente a machista linguaxe masculina, en frecuencia de uso en español, por certo: “estar hasta los huevos”. Se agora nós, mulleres galegas, temos de emular, feminizando os xenitais, esta linguaxe, eu confésovos que xa non entendo nada. O meu mundo é outro, o meu planeta, distinto. O meu feminismo, tamén. Ora ben, se o que se quer é  -tal é como se di-  “provocar”, pergunto: provocar o que, provocar a quen? Acaso “épater le bourgeois”? O burgués está máis que “epatado” desde hai ben tempo e tanto lle teñen os excesos verbais, con tal de que non se rabuñe nada do statu quo. A cousa, con todo, é pior se o que se quer é render culto ao chamado feminismo da diferenza. Alá quen o profese e practique. Unha organización política como o BNG non é o que ten definido na súa doutrina, nos seus textos, na súa propaganda, na súa historia, nas súas iniciativas parlamentares, na súa mobilización social, tal e como ficou definitivamente formalizado na VII Asemblea Nacional, celebrada en Ferrol en 1995. Xa choveu... Calquera cousa menos bioloxismo ou xenitalismo. Supoño que concordaremos en que pensamos e sentimos coa cabeza, non cos xenitais... Supoño que concordaremos en que feminismo non é xinecoloxía...

3ª. Chámame a atención que non se teñan en conta iniciativas de hai tempo perfeitamente actualizábeis. Enteirámonos, con triste sorrir, como diría Rosalía de Castro, de que o goberno basco elaborou un proxecto de lei en que se amplía o permiso de paternidade e, sobre todo, se aplica o principio da intransferibilidade deste permiso, por tanto, porase en vigor o principio da paternidade responsábel (non por delegación do permiso da nai), a conciliación para quen a precisa aprender etcétera. Pois ben, compañeiras e compañeiros, todo isto foi proclamado, elaborado, escrito en forma de lei, debatido no Parlamento galego e mais no Congreso dos Deputados hai DEZASEIS ANOS! Lei completa con todas as modificacións necesarias atinentes ao Estatuto dos Traballadores, á Lei da Función Pública e coa mención expresa de toda a lexislación europea e de todas as directivas ad hoc. O Goberno basco tomou agora a iniciativa: que bon momento para lembrarmos que o BNG xa o fixo no inicio deste século! E o mesmo poderiamos dicer a respeito doutras iniciativas...

A que público nos queremos dirixir? A que mulleres? De que idade? De que clase social?

 

4ª. Con todo, o asunto central é o seguinte. A que público nos queremos dirixir? A que mulleres? De que idade? De que clase social? Ás traballadoras mal pagas, as que non teñen emprego mais están cargadas de traballo, ás vítimas principais de todo o machismo acumulado, do capitalismo que leva na súa entraña a explotación e a precarización? A todas as mulleres, independentemente da súa condición social, salario e posición política? Ás mulleres directamente cúmplices-colaboradoras da opresión da maioría das súas conxéneres? Interesa cortar ou non a dependencia feminina, a imitación do universo masculino? Que pedagoxía particular se quer facer cos homes? A de que acrediten beatificamente na ilusión de que a liberación das mulleres tamén os liberará a eles ou a de que se “feminicen” dunha vez por todas, se dispoñan a comprenderen algo do “Outro” (as mulleres) e a de que tomen conciencia de que tal exercicio conleva, a fortiori, perda de privilexios acumulados ou dados por naturais?

5ª. Traduzamos a un outro vocabulario: as mulleres galegas estamos fartas de.......... (aquí todo o denunciado na explicación da campaña). Moi ben: estamos fartas. E que máis? Feita a declaración, que de que? Da constatación, da contestación verbal, teremos de pasar á denuncia concreta e cuantificada, aos datos reais, á oferta de alternativas, nonsí? Pois a ver se nos animamos...
Se nos animamos a provocar de verdade, claro está. Apertas da vosa compañeira.
 

Comentarios