Opinión

40 anos

A Fundación Galiza Sempre vén de editar moi a tergo un documentario que relembra o cuadraxésimo aniversario da constitución do Bloque Nacionalista Galego. Non é casual que as diferentes intervencións expliquen de forma común a posición face á Constitución española, o Estatuto, o referendum da OTAN ou a vontade unitaria que animou as organizacións, colectivos e persoas cofundadoras. Tamén fica claro o carácter de resposta e o de alternativa: resposta á dependencia política da Galiza; total independencia de criterio face á esquerda española; alternativa nacional ás necesidades e aos dereitos da Galiza. Ela, a nación, pasaba de ser un lugar a ser o centro de toda análise, de toda proposta, de toda actuación. Como o ideario sempre se acompañou da intervención en múltiplos campos, sectores e ámbitos, a penetración social axiña se fixo notar por toda a parte. O BNG era referencia obrigada... e convenientemente hostilizada, como nengunha outra organización nacionalista do Estado, por parte das forzas do sistema e de todas as súas terminais. Non conviña, xaora, que a Galiza reatase a súa historia verbo do nacionalismo do primeiro terzo do século XX e, moito menos, aspirase a ser protagonista do seu proprio filme naquel momento histórico. O nacionalismo galego moderno, logo, significou a ruptura que nunca existiu no Estado na mudanza de rexime.

E un dos elementos desta ruptura constituíuno o uso xeral da lingua galega, en calquer lugar, con calquer interlocutor, para todas as funcións –públicas e privadas, orais e escritas–. No vídeo que mencionei, os entrevistados non subliñamos debidamente o valor desta auténtica novidade histórica (refírome, obviamente, aos cortes recollidos no mesmo): é o que Ramón Piñeiro en 1973 denominaba conquista da Galiza urbana, unha vez conseguido o prestixio literario e cultural. Na realidade, a "conquista" significou a ruptura da subordinación diglósica e a implantación sen complexos dunha nova naturalidade sen distinción local (aldea, vila, cidade), social nen laboral. E, como toda ruptura verdadeira, o intento provocou non só a ferreña represión dos poderes públicos españois e dos seus lacaios galegos, senón tamén a surpresa xeral: aceitación agradecida / resposta enrabechada (era moito o que se removía naquela "normalidade" imposta e excluente do galego no uso social e no uso público).

Cando Carvalho Calero, en artigo de 1981 ("O uso do galego para todo"), fala do modelo oficial, orientado a manter "unha lingua ritual, reservada, confinada, refreada, conxelada e, polo tanto, esmorecida, reprimida, asfixiada, acadarmada", non está a facer amplificatio retórica: todos e cada un dos adxectivos tiñan a súa exacta tradución social e política. Non é de estrañar, pois, a rotunda contestación que mereceu a publicación do chamado "Decreto de Bilingüismo" en 1979 ("Polo dereito irrenunciábel ao uso do noso idioma") e a multitudinaria resposta-manifestación de 1980: non houbo tal en nengunha outra nación do Estado, a teor da povoación total e da idem mobilizada.

Ben, estas lembranzas non son saudades. Moi lonxe está o galego de ter gañado, na nosa terra e na nosa sociedade, o status merecido. Coido que o nacionalismo actual non debería dar por consabida ou redundante a cuestión da lingua. Desde logo, hai 40 anos non o era. Hoxe, tamén non.

Comentarios