Opinión

40 anos

40 anos do “Estatuto de Autonomía para Galicia. Lei orgánica 1/1981, de 6 de Abril”. Como ben se ve, é unha carta outorgada por parte do Estado español. Esta obviedade quizabes non o sexa tanto se recordamos como esta lei é unha peza subordinada dentro da hierarquía da Constitución española e, por tanto, condicionada inteiramente polos preceitos desta. Tamén, pola súa terminoloxía. O artigo 1º define a Galiza como “nacionalidade histórica”, nomenclatura que debe se adaptar á declaración da “indisoluble unidad de la Nación española, patria común e indivisible de todos los españoles”, tal e como impón o artigo 2º da Carta Magna. O artigo 5º do Estatuto estabelece que o galego é a lingua propria da Galiza, mais o 3º de Constitución determina que “El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho de usarla”. Poderíamos seguir con moitos máis exemplos desta oración adversativa continuada, que fan desta lei unha lexislación cativa, no duplo sentido do adxectivo: pequena e cautiva, mais limitarémonos a evocar que ela naceu entalada entre dous fitos non menores da historia española con evidente repercusión na Galiza: pouco despois do golpe de Estado do 23 de Febreiro de 1981 e antes da LOAPA (“Ley Orgánica de Armonización del Proceso Autonómico”, Xullo de 1982), froito do pacto entre UCD e PSOE. Entre ambos factos a relación é causal, claro. Era o segundo “atado y bien atado” da transición.

Viaxemos no tempo. 90 anos atrás. Con gran dilixencia, o Seminario de Estudos Galegos encomenda a dous mozos xuristas de extraordinaria competencia, Lois Tobío e Ricardo Carvalho Calero, a redacción dun anteproxecto de Estatuto para a Galiza, ao abeiro da recén proclamada República española. En Maio deste ano 1931 o texto está pronto. Lembremos o seu artigo 1º: “A Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”. A 2ª República non foi federal nen federábel, polo que esta avanzada proclamación houbo de se adaptar á forza, na redacción do proxecto definitivo (longamente entorpecido e mesmo boicotado, non plebiscitado até o 28 de Xuño de 1936), á Constitución republicana. Aquel anteproxecto estabelecía, por exemplo, que “Non poderán desempeñar na Galiza cárregos púbricos os que non coñezan a lingua galega”, e esta prescrición pasou ao Estatuto definitivo (1936) coa seguinte formulación: “Los funcionarios que actúen en la Región deberán conocer la lengua gallega”. Será preciso algún comentario verbo da lexislación estatutaria actual e do estado xeral e sectorial da lingua? É presentábel, historicamente, que aquel Estatuto histórico recolla aspectos legais superiores ao actual? Este, o vixente, é “bíblico” ou “coránico”, quer dicer, inmutábel, idéntico a si mesmo, sen a menor modificación. Unha das primeiras leis foi a 3/1983, de Normalización Lingüística. É,  se se nos permite a metáfora biolóxica, unha adulta, unha persoa feita e dereita de case trinta e oito anos. Porén, aínda non se emancipou, aínda vive na casa do pai (Constitución), aínda non saíu ao mundo para nel exercer un traballo.

40 anos.  

Comentarios