Opinión

25 anos da DUDL

A Aureli Argemí, amigo da Galiza.
Desde ela, aperta grande 

 

A sigla correspóndese coa Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, solemnemente aprobada no Paraninfo da Universidade Central de Barcelona o 6 de Xuño de 1996, por máis de 130 ONG dos cinco continentes. Por parte galega, asinámola Ursula Heinze (vicepresidenta na altura do Pen Clube Galego), Xosé Manuel Sarille (entón presidente da Mesa pola Normalización Lingüística) e unha servidora (como corredactora e profesora da UDC). A MNL editouna decontado. Foi aprobada naquel mesmo ano polo Congreso dos Deputados, a iniciativa do portavoz do BNG, Francisco Rodríguez, e tamén, por unanimidade, no Parlamento Galego. Asumiuna a UNESCO. Pola nosa parte, para alén doutras achegas, preocupámonos de inserir nas súas Disposicións Adicionais deberes atinentes aos poderes públicos a fin de garantiren a aplicación dos dereitos proclamados na Declaración, a información aos seus destinatarios e, mesmo, a previsión de sancións, segundo as lexislacións vixentes, derivadas da violación dos dereitos lingüísticos proclamados na mesma. Como é doado de adiviñar, a DUDL ampárase e séntese herdeira da Declaración de Dereitos Humanos de 1948, que no seu art. 2º estabelece que os dereitos son comúns e universais sen distinción de raza, cor, sexo, lingua, relixión, opinión política ou outra, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquer outra condición.

A contravención destes principios é, non precisamos subliñalo, explosiva. Polo que á DUDL atinxe, tanto o Estado como a Xunta desprezaron e desprezan adoito o seu contido. Que balanzo fan ambas institucións públicas do que elas proprias aprobaron e asumiron? Foi a Mesa a única que se preocupou de lembrala, tanto nacional como internacionalmente. E nestes 25 anos que se pasou? Permítanme só tres exemplos, dispares mais confluentes na mesma realidade abaixada. Nunha vila galega, situada nun dos Camiños de Santiago, así reza un sinal á vista nun bar-pensión:

Bienvenidos
Bienvenue
Welcome
Willkommen
Benvidos

Neste trapecio invertido, o galego, a lingua do país anfitrión, ocupa o lado menor. Como debe ser. Sempre detrás, sempre á cola das linguas-verité. Con naturalidade colonizada, asumida como tal polos nativos receptores de turismo. 2º flash: un comunicante informa da disparatada cantidade de erros no texto en galego de oposicións convocadas pola Xunta ("cando os prazos se haxan sinalado"; "a notificación a que refírese"...). Proba da súa redacción orixinal en español e dunha pseudotradución de máquina co resultado á vista. Boa maneira de cumprir a letra da lei estatutaria verbo do deber da "lingua propia" e de favorecer que o funcionariado atenda nela os administrados. 3º: A Junta de Andalucía subvenciona a Casa de Andalucía, en Vigo, mesmamente para que non "sufra" o acervo cultural e lingüístico dos andaluces residentes aquí e, especialmente, os seus descendentes.

Alguén dá máis? En 1996, non pecamos de inxenuidade, non. Sabiamos ben cal era o marco político-legal en que nos moviamos. 25 anos despois, que xuízo cabe facer da fraude do incumprimento? Os dereitos recoñécense con tal de non os exercermos?

Comentarios