Opinión

Un 155 lingüístico, fillo directo da Constitución española (e II)

No artigo da semana pasada, fixemos memoria do recurso de inconstitucionalidade interposto polo goberno español, en 1983, á Lei de Normalización Lingüística galega, promulgada o mesmo ano, impugnación que atinxira igualmente ás leis basca e catalá. As sentenzas correspondentes foron ditadas en 1986. Producírase, no Estado, o relevo na alternancia bipartidista, do goberno da UDC ao primeiro do PSOE. O máximo órgao do novo rexime, o Tribunal Constitucional, en realidade, adopta e adapta, coa modernización lexical conveniente, unha ideoloxía-política lingüística que, de xeito taxativo, comezara nos primeiros anos do século XVIII, coa entronización na monarquía española da dinastía borbónica importada da Franza. O Hexágono xa tiña ampla experiencia de afrancesamento forzoso na monarquía absolutista, afrancesamento que a Revolución non fixo máis que acentuar, facendo equivaler as linguas distintas do francés a "farrapos medievais" que, en nome da modernidade, a igualdade e o progreso, deberían ser aniquiladas. No caso español, decrétase a unidade de mercado, de xurisdición e de lingua, como da relixión católica como única e oficial, por suposto. Xa nace aquí a noción de lingua "común", o eufemismo para revestir unitaria e uniformemente a lingua da monarquía castellano-española imposta manu militari ou a través de sucesivas imposicións civís, de facto e/ou de iure

Na Galiza, desde fins do século XV, nun continuum que atravesa reximes e etapas políticas diferentes do Estado español. Sobre esta falsía –a lingua "común"– invéntase a existencia, xa no século XX, das linguas "autonómicas", unha especie de complemento ou addenda á que todos os cidadáns do Estado español teñen obriga de coñecer e dereito de usar. O adxectivo substitúe o "vernáculas" ou "nativas" da ditadura franquista. Muda a letra, fica o espírito. Non abonda coa arrasadura histórica: o español, como lingua oficial única e verdadeira, precisa para manter a súa identidade do submetemento e subordinación das outras linguas. Non é suficiente o factual: a clamorosa superioridade. Cómpre lembrala e reforzala xuridicamente, nunha interferencia-invasión programada de institucións políticas legalmente estabelecidas (Parlament, Generalitat). A realidade, en oposición á aparencia, ao ilusionismo da Transición.

A Constitución española NON nomea as linguas diferentes do español: galego, éucaro, catalán. A maior abondamento, fala de "modalidades lingüísticas". Que son? "Modalidades" de que lingua? Brillante rigor "suciolingüístico"! Fica aberta a porta para calquer comunidade autónoma "decretar" a existencia dunha lingua específica, por riba e por fóra da evidencia histórica, social e territorial. 
Non é de estrañar que en 1982 o gran lingüísta catalán Joan Coromines rexeitase a concesión por parte do goberno español da Gran Cruz da Orde Civil Alfonso X: "Devolvo un premio enviado por un Goberno que reduce ao mínimo os dereitos da miña patria, despedazada en provincias, e subvenciona os pequenos grupos que atacan a unidade do catalán, lingua única dos tres países que a falan".

Aquí, na Galiza, pas de problème: a maquinaria do 155 xa a temos debidamente instalada sen necesidade de pacto PP-PSOE para a súa aplicación.

Comentarios