Opinión

E vostede, canto vale?

Adoitamos pórlle cifras a todo. Todo é cuantificábel, mesmo para quen nos dedicamos ás letras. Big data e capitalismo. Neste contexto, asistimos cada día a un sumatorio que deixa tras de si un regueiro que se aproxima ás mil vítimas mortais coa Covid-19.

A primeiros de marzo teríanos resultado inconcibíbel saber que o coronavirus segaría a estas alturas semellante cantidade de vidas, sobre todo de persoas maiores (non utilizarei o posesivo “nosos”, que infantiliza e resta autonomía). Semella que a vida delas e deles, dos maiores, vale menos que a do resto. Semella que non reaccionamos. E que normalizamos o desastre. Apatía. Indiferenza. Desafecto.

Non nos decatamos da magnitude do que acontece. Pensemos que as vítimas mortais confirmadas de maneira oficial na Galiza equivalen a case sete avións estrelados nos que non fica supervivente ningún. É como se caese cada día durante unha semana un Airbus A320 dos que fan o traxecto Madrid-Compostela. A elección da viaxe non é casual, pois o deseño radial do “todo pasa por Madrid” déixanos sen apenas conexións directas con outras cidades.

Tratamos de expor as cifras no seu contexto e de darlles voz a todas as persoas que sofren

Neste contexto resulta aínda máis difícil facer xornalismo. Confusión e desinformación son o noso pan de cada día, sobre tanto cando a Xunta da Galiza se nega a facilitarnos en tempo en forma os datos necesarios para realizarmos o noso traballo. Tratamos de expor as cifras no seu contexto e de darlles voz a todas as persoas que sofren a pandemia desde diversas frontes, sobre todo ás máis invisibilizadas. Facémolo tendo en conta a importancia da comunicación para favorecer cambios nas actitudes e nos comportamentos que impliquen a minimización do risco nesta pandemia.

Dentro deste escenario en que nos toca vivir, fiquemos coas certezas e procuremos actuar na nosa batalla diaria non só contra o reloxo, senón contra o catastrofismo, as confabulacións e o alarmismo, mais tamén contra a deshumanización, contra a desnaturalización e contra a adaptación do noso cerebro a unhas cifras estarrecedoras.

Comentarios