Opinión

Volveron facelo

Martxelo, Vicent, semella que non se aprendeu nada do acontecido durante o primeiro pico da pandemia. Madrid é o territorio con maior incidencia do coronavirus de toda Europa, cunha incidencia próxima aos 800 casos por cada 100.000 habitantes e cun sistema de saúde a piques de colapsar. As medidas, cativas, chegan tarde. A situación repítese e, outra vez, non se decreta o fechamento.

Anúncianse restricións, insuficientes, e aplícanse días despois para permitir a “fuga”. Xa vimos o que aconteceu en marzo. Científicos e científicas do CSIC evidenciaron que a expansión da Covid-19 polo Estado español garda relación directa coas viaxes desde e cara a Madrid. Concluíron que o 65% dos casos no pico da pandemia de cada territorio respondían aos intercambios de poboación con Madrid unha semana antes. De feito, advertiron de que estas viaxes explican o 76% dos falecementos no momento máis álxido.

Podería entenderse que naquel momento de expectación, inexperiencia e inseguridade se improvisase e non se acordasen medidas contundentes, mais agora non. Non hai escusas. Díaz Ayuso é irresponsábel por non actuar, mais Sánchez tamén o é por non fechar Madrid. Por que se permite dar carta branca á propagación do virus por todo o Estado? Por que Italia decretou o fechamento de Lombardía cando contaba con 340 positivos por millón de habitantes; a China, da provincia de Hubei, con 13 casos por millón de habitantes e o Estado español non fixo o propio cando Madrid tiña 440 casos por millón de habitantes?

As respostas a estas preguntas están no factor económico -Madrid abeira a inmensa maioría das sedes das multinacionais e investimento estranxeiro a nivel estatal-; no ideolóxico -Madrid como capital de España- e no deseño do Estado español -Madrid como núcleo das comunicacións; como polo que absorbe recursos, poboación, institucións públicas e grandes empresas e, en certa maneira, como paraíso fiscal, cuxa estratexia en impostos prexudica territorios-.

Madrid, queridos colegas, seguirá sendo centrifugadora de coronavirus.

Comentarios