Opinión

A troika está de volta

A pasada cuarta feira Pedro Sánchez volveu ao Congreso dos Deputados para explicar as liñas do programa Next Generation, mais nada dixo sobre as políticas de axuste social ás que están condicionados os fondos. Algúns medios de comunicación europeos recolleron ao longo da semana diversas informacións sobre o contido das negociacións entre o Goberno español e a Comisión Europea, até o feito de cifraren en 70 as reunións decorridas desde xaneiro. Porén, as autoridades estatais e as principais formacións políticas seguen furtando á cidadanía o debate sobre o prezo a pagar polo rescate aos grandes grupos económicos.

O Executivo de Sánchez xa dá por feito que os fondos do Next Generation van estar sometidos a duras condicións e á vixilancia da Comisión Europea. Neste sentido, débese explicar a contrarreforma das pensións e o aumento real da idade de xubilación suxerida polo ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá. A medida, na liña das recomendacións de Bruxelas, avanza na perda de poder adquisitivo das pensións públicas e as formulacións de carácter neoliberal teñen no horizonte abrir a porta ao negocio privado. Na mesma orientación, sitúase o debate sobre a reforma do réxime fiscal, encargada a unha "comisión de expertos" elixida polo Goberno español e onde vai volver estar sobre a mesa a suba do Imposto do Valor Engadido (IVE), un tributo de natureza indirecta e, por conseguinte, de carácter non progresivo.

O Executivo de Sánchez xa dá por feito que os fondos do 'Next Generation' van estar sometidos a duras condicións

A derrogación da reforma laboral semella tamén fóra da axenda gobernamental. Malia as resistencias de Unidas Podemos e dos socios da investidura, o Executivo asume a doutrina de Bruxelas. Infelizmente, as previsións dos economistas críticos que advertiron no seu momento dos riscos do rescate europeo estanse cumprindo e como afirmou o ex ministro de Finanzas grego Yanis Varoufakis "a troika vai regresar independentemente do fondo de reconstrución e entón España, Italia e Portugal van ser apertados dunha forma moi similar ao que a troika fixo entre 2010 e 2015".

Comentarios