Opinión

Todo o que nos contaron era falso

Vicent, Martxelo, durante moitos anos, durante todos os días, dixéronnos que desfrutabamos dun sistema de saúde que era a envexa da cidadanía dos Estados máis desenvolvidos do mundo. A chegada do novo coronavirus encargouse de demostrar que non era así, achegándonos á realidade. Unha realidade na que o número de camas hospitalarias resulta insuficiente; na que faltan prazas de Unidades de Coidados Intensivos e na que non hai persoal suficiente para atender a emerxencia sanitaria. Ao final, decatámonos de que as bondades do sistema de saúde tamén tiñan moito de propaganda.

Faláronnos ao longo de décadas do “milagre económico” español, un modelo deseñado polo Fondo Monetario Internacional para osixenar a ditadura franquista e abrir así a porta ao capital europeo e ao americano. O valor engadido era o sol. E a praia. Se a crise que seguiu o estoupido de 2008 evidenciou claramente as súas limitacións e a súa incapacidade para xerar un desenvolvemento real, o capítulo económico da actual pandemia voltou a poñelo a proba e deixou claro que todo o que nos dixeron non era certo.

Na escola ensináronnos ás millares das persoas que non puidemos votar no referendo constitucional que o réxime político institucionalizado en 1978 era un modelo de democracia de alta calidade e un exemplo de ruptura cunha ditadura. Abondou con que uns poucos rabuñazos quitasen a pintura deste coche usado, fabricado nos talleres franquistas con pezas empregadas en guerras coloniais ou prestadas polas ditaduras amigas de Italia ou Alemaña, para que aparecese un monarca facendo o mesmo que a súa estirpe e soubemos que aquel conto tamén era falso.

As crises permiten observar en toda a súa realidade a natureza dun sistema político. A situación xerada pola Covid-19 acelerou as fendas abertas no réxime institucionalizado en 1978 e que recolle o legado dun proxecto político concibido no século XIX e incapaz de resolver as súas contradicións no ámbito nacional e social. A historia do Estado español é unha historia de permanente conflito coa democracia e tamén de fracasos. Sabemos, amigos, que todo o que nos dixeron era falso.

Comentarios