Opinión

A súa festa nacional

A España xudicial vai por diante. É algo que non sorprende. Como mostra, a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid de tombar as medidas do Goberno de Sánchez para protexer a saúde da cidadanía madrileña e para impedir a expansión da pandemia ao conxunto do Estado. As togas adiantaron así a celebración da súa festa nacional abríndolle a porta ao virus, como xa fixeron hai seis séculos os seus compatriotas no continente americano até provocar o xenocidio que se conmemora en España o 12 de outubro.

Martxelo, Vicent, tomarei como mostra os datos demográficos do historiador norteamericano H. F. Dobyns, quen afirmou que o 95% da poboación total americana morreu nos 130 anos que seguiron á chegada de Colón. Os investigadores de Berkeley Sherburne F. Cook e Woodrow Borah calcularon para México unha diminución de 24,5 millóns de persoas entre 1518 e 1623, máis do duplo da poboación da península naquela altura, situada en 1492 nos 10 millóns de habitantes. Non por acaso aínda hoxe os mexicanos consideran os españois, de maneira pexorativa, descendentes de Hernán Cortés. Porén, nos núcleos de poder veciños preocupa menos a matanza dos americanos que “a mala fe dos inimigos de España”, empeñados en lexitimar o seu proxecto de futuro no seu pasado imperial.

O 12 de outubro coñeceuse como “Día da Raza” antes de que Vallejo-Nágera formulase as súas teses, que seguen nomeando a data como “Día da Hispanidade”, tal e como postulara Ramiro de Maetzu, unha das referencias chave da Xeración do 98. Unha xeración decisiva até hoxe na conformación do pensamento español, cun obxectivo político de renacionalización do Estado e cunha proposta doutrinal centrada no combate á disidencia interna, é dicir, aos movementos de restauración nacional que xorden, con maior ou menor intensidade, na Galiza, Euskal Herria e Catalunya.

Un Estado que celebra como festa nacional un xenocidio ten un problema e as persoas que o avalan semellan ser veciñas e veciños pouco recomendábeis. As súas receitas son as de sempre: a españolización, a europeización, a rexeneración e as reformas, ora en envoltorios vellos ora en envoltorios novos. Évos o mesmo.

Comentarios