Opinión

O sistema da corrupción

O xuízo aberto na Audiencia Nacional polas obras de reforma da sede do Partido Popular na madrileña rúa de Génova volve situar os populares galegos no centro da trama de financiamento ilegal do partido. A este respecto, merecen especial relevo as declaracións do antigo xerente da organización Cristobal Páez e do ex tesoureiro Luis Bárcenas. Un e outro afirmaron que a última achega á caixa B do PP corresponde a unha contribución dos populares de Pontevedra, que en 2010 aportaron unha cantidade de 50.000 euros de orixe presuntamente ilícita. Segundo Bárcenas, este diñeiro ingresouno en dous sobres, entregando unha metade ao presidente da formación, Mariano Raxoi, e outra á secretaria xeral, Dolores Cospedal.

As dúbidas sobre as contas dos populares galegos non son novas. O ex secretario de Organización do PP da Galiza na época de Manuel Fraga, actualmente encarcerado por facer parte da rede Gürtel, Pablo Crespo, xa sinalara en 2018, nunha comparecencia no Congreso dos Deputados, que na formación existía unha dinámica de pagos en diñeiro negro "instalada institucionalmente" e que "había doazóns irregulares, non creo que fosen ilegais, de empresarios, e efectivamente había unha contabilidade que non estaba na contabilidade do partido". En 2015, Crespo recoñecera a mecánica dos sobresoldos na organización na Galiza e afirmara que tiña documentos que confirmarían o pago de remuneracións en diñeiro B aos principais responsábeis do partido.

Hai corrupción porque existen responsábeis públicos dispostos a hipotecar o interese xeral en beneficio do seu interese particular

Os feitos non son un fenómeno particular da política galega nin unha excepción na lóxica de funcionamento das democracias formais. Hai corrupción porque existen responsábeis públicos dispostos a hipotecar o interese xeral en beneficio do seu interese particular mais tamén porque hai grupos económicos dispostos a acudir a prácticas ilícitas para aumentar a súa marxe de beneficios e favorecer a súa conta de resultados. As razóns últimas conéctanse coa propia natureza do sistema, é dicir, a corrupción fai parte da xenética das formacións sociais de mercado e actúa como carburante para que esta siga funcionando.

Comentarios