Opinión

Ser demócrata é ser pacifista

O pacifismo é a medula de calquera alternativa democrática desde o século XIX. De feito, foi a bandeira das opcións que defenderon a igualdade entre persoas e pobos desde a primavera europea, que na Galiza comezou un mes de abril de 1846. Non por un casual, aqueles que someteron pobos, aniquilaron culturas, enfrontaron nacións e explotaron persoas recorreron á violencia como método de loita e exerceron o terror como práctica contra os contrarios.

As tradicións políticas progresistas fixeron sempre da paz un eixo central da súa alternativa programática. Sen saír da Galiza, abonda con botar unha ollada á declaración de principios do Partido Galeguista, fundado e dirixido por Daniel Castelao e Alexandre Bóveda, para atopar como eixos reitores da súa proposta política a "autodeterminación política" e tamén o "antiimperialismo, federalismo internacional e pacifismo".

Castelao, un home a vivir entre tres guerras, non dubidou en declararse pacifista e en considerar o "militarismo" unha das "tres pragas que asolaban España" canda o clericalismo e o capitalismo. Nesas seguimos, con sectores maioritarios da opinión política que apostan pola guerra para resolver o conflito entre Rusia e Ucraína e que defenden o envío de armas para apagar con gasolina un incendio que vén de vello.

As sondaxes que coñecemos nas últimas semanas sobre a guerra sitúan canarias, catalás, galegas e vascas como as persoas máis opostas á solución militar no leste de Europa. De feito, un estudo de opinión elaborado por Electomanía sinala que estes catro pobos rexeitan maioritariamente alistarse no Exército español no caso de invasión do Estado por un terceiro país.

Vicent, Martxelo, a foto repítese. A mesma cidadanía que en ocasións pasadas expresou un rexeitamento maioritario á monarquía, que outorgou menor porcentaxe de voto a Vox, que se amosou máis contraria a contribuír ao sostemento da Igrexa católica e que se expresou máis favorábel ao dereito ao aborto é a que hoxe segue sostendo a bandeira do pacifismo.

Comentarios