Opinión

Sentido común fronte a visceralidade

Martxelo, Vicent, desde o último "Galeusca de Direccións" moito cambiou a situación. Escribiamos nestas liñas da intención de Alberto Núñez Feixoo de abandonar a Galiza para volver á súa casa, Madrid -veu á Galiza após ocupar cargos na capital do Estado-, cando aínda non estaba claro o alcance da invasión rusa en Ucraína. Atopámonos agora nun momento en que a meirande parte dos medios de comunicación asumen como propio o relato hexemónico do atlantismo, véndose condicionados por el, até o punto de dar como válida a marcha atrás do Goberno de Sánchez, que optou por botar máis leña ao lume ao decretar o envío de armamento a Ucraína.

Resulta contraditorio apostar pola paz enviando armas, en lugar de avogar pola negociación, aínda que esta se produza nun contexto de ocupación dun país -Rusia- e de ataque á soberanía dun pobo -o ucraíno-. Cómpre ir polo camiño máis difícil, que non é o da visceralidade, senón o da racionalidade: a negociación e o diálogo, baixo o amparo de órganos como a ONU, e afastarnos da tensión bélica, da pretensión da OTAN de seguir a súa expansión cara ao leste de Europa e das palabras dun Borrell desatado que chama a facer fronte "ás forzas do mal" e que ameaza "aqueles que non estean ao noso lado". Precisamente, este conflito evidenciou a natureza da Unión Europea como apéndice do proxecto estadounidense, o seu papel servil enviando armas na contra de promover iniciativas de paz e a súa irrelevancia política.

Elixir as armas en lugar da diplomacia supón alimentar a guerra e engrandecer un conflito militar de consecuencias imprevisíbeis. Esta aposta pola escalada do belicismo acompáñase non só de mecanismos sofisticados de manipulación, senón tamén da censura de medios de comunicación, sen ningún proceso xudicial e sen declaración do estado de sitio nin de guerra.

As guerras, lembremos, non só se libran nos campos de batalla. O uso e manexo da información gaña forza nunha realidade globalizada co fin de conseguir unha vantaxe competitiva sobre o contrincante. Aínda máis en tempos onde manda a guerra híbrida, que remata por converter os medios de comunicación en instrumentos de guerra ao servizo dos bandos en conflito e non dunha información veraz e contrastada. Non por acaso dicimos que a verdade é a primeira vítima dunha guerra.

Comentarios