Opinión

As seleccións galegas, vetadas

Martxelo, Vicent, esta semana, o PP e o PSOE, vetaron que as seleccións galegas poidan competir oficial e internacionalmente. O BNG levou á sesión plenaria do Parlamento a proposición non de lei de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) -impulsada pola plataforma social en defensa dos dereitos nacionais Vía Galega e apoiada por máis de 6.600 sinaturas-, que evidenciou, máis unha vez, o desprezo do PP, ao que lle proen os combinados nacionais porque é consciente da importancia do deporte na construción dunha identidade nacional.

A día de hoxe, un total de 49 nacións sen Estado e outros territorios participan en torneos internacionais con total normalidade: eis o caso de Gales, das Illas Feroe e de Xibraltar. Mais no Estado español, as nosas seleccións -excepto casos contados, como o do fútbol gaélico, deporte en que a Galiza pode competir internacionalmente- teñen prohibido representarnos de maneira oficial.

A chegada do Goberno bipartito propiciou que, en 2005, a selección galega de fútbol volvese saltar ao terreo de xogo. Un partido que se repetirá nos seguintes anos até que a volta do PP ao Executivo puxo fin a eses encontros de Nadal. En sede parlamentaria, púidose ver a liña dura dun partido que actúa tamén na Galiza ás ordes de Isabel Ayuso, mostrándose, sen ningún tipo de disimulo, nas súas posicións máis ultras –Onde quedará aquela "moderación" cosmética pregoada por Feixoo?–. Precisamente, quen se encargou de defender a opinión do PP foi Guadalupe Murillo, presidenta do Pontevedra, coñecida por requisar bandeiras galegas no estadio de Pasarón.

O PSOE, pola súa parte, optou por emendar a proposición non de lei, diluíndo a súa natureza para facela compatíbel co marco normativo que se debate en Madrid, de maneira que rexeitou a oficialidade dos combinados galegos.

Malia os grandes resultados que tradicionalmente asinan as e os deportistas galegos nos Xogos Olímpicos, infelizmente, seguiremos sen poder escoitar o Himno Nacional e sen ver izada a nosa bandeira.

Comentarios