Opinión

'Santa Liberdade'

Martxelo, Vicent, estes días fanse 60 anos do secuestro do barco de pasaxe portugués e icona da emigración Santa María a mans de 24 comandos do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) que tiñan o obxectivo denunciar diante do mundo as ditaduras ibéricas, a situación social dos seus pobos e o problema nacional do Estado Español.

Un problema que continúa e cuxas consecuencias vemos cada día ou, se non, a que se debe o circo montado coas eleccións catalás?

O DRIL foi unha organización impulsada en 1960 por nacionalistas galegos, militantes libertarios e comunistas críticos coa liña do PCE que se definía como "republicana para unha república do pobo, do pobo das nacións ibéricas”. Insistían: “Compréndase que non estamos falando de España e Portugal tal como xeralmente se entende, senón dun republicanismo que incluirá a proclamación doutras repúblicas como a castelá, galega, vasca, catalá".

As razóns da proposta de Xosé Velo seguen vixentes, por iso a recuperación da súa figura resulta aínda hoxe problemática

O seu máximo responsábel foi Xosé Velo, quen destacou ao longo da súa vida pola aposta a prol de Galeusca. De feito, en abril de 1959, canda Joaquím Juanola Massó, Andima Ibiñagabeitia Sandalio Tejada ou Mariano Otero Castelao, participou na fundación do colectivo en Caracas. O primeiro punto da súa declaración de principios puña de manifesto: "Galeusca declara a independencia das nacións galega, vasca e catalá, baixo as denominacións de Galiza, Euskadi e Catalunya".

As razóns que motivaron a proposta de Xosé Velo seguen vixentes, por iso a recuperación da súa figura resulta aínda hoxe problemática. O secuestro do Santa María, renomeado polos asaltantes como Santa Liberdade, respondía a un programa político que asumía que só era posíbel a democracia en Portugal e no Estado español recoñecendo previamente as liberdades das nacións. Foi a proposta ideolóxica das mocidades do partido de Castelao nos anos anteriores ao golpe de Estado fascista de 1936 e hoxe continúa en disputa.

Comentarios