Opinión

A sanidade galega, en coiros

Martxelo, Vicent, lectoras e lectores, moi feliz ano. Un ano que vén marcado polo colapso da sanidade pública na Galiza.

Empezamos 2022 coa área sanitaria de Vigo desbordada e con até 14 centros de saúde fechados á poboación excepto para urxencias e casos da Covid-19. A de Pontevedra e O Salnés non está mellor: A Consellaría reduciu o número de facultativos en Vilagarcía -o noveno municipio galego en número de poboación- nun 72%, suprimiu o médico de fin de semana en Sanxenxo, deixou sen atención o PAC de Marín e fechou o servizo de farmacia no hospital do Salnés, privando de tratamento aqueles doentes que requiren dunha medicación especial. Estes son exemplo do que acontece nas sete áreas sanitarias nas que se divide a Galiza, cuns servizos reducidos á mínima expresión e só mantidos polo esforzo das persoas profesionais.

A pandemia deixou en coiros o modelo sanitario público. Malia que os sistemas de saúde nunca están preparados para facer fronte a situacións de emerxencia como a vivida coa irrupción do coronavirus, o acontecido desde marzo de 2020 puxo en evidencia o carácter propagandístico do relato oficial que quería vender a sanidade do Estado español como a mellor do continente europeo e sacou á luz as debilidades dun modelo sometido a décadas de retallos co obxectivo de converter a saúde nun negocio, en coherencia coas formulacións ideolóxicas dominantes.

Estamos ante un deseño planificado, que non é casual, e para o cal a Galiza actuou como laboratorio da época de Romai Beccaría

Estamos ante un deseño planificado, que non é casual, e para o cal a Galiza actuou como laboratorio xa na época en que Romai Beccaría se ocupaba da Consellaría da Sanidade da Xunta baixo o mandato de Manuel Fraga, antes de dar o salto a esa mesma responsabilidade no primeiro Goberno de Aznar.

Precisamente, o principal colaborador de Romai nestes anos foi Alberto Núñez Feixoo, nomeado naquela altura director do Insalud e que sentou as bases para unha ofensiva sobre o modelo sanitario público que aínda hoxe padecemos. Os datos da súa xestión na Galiza están aí: suprimiu máis de 600 camas hospitalarias en 12 anos, o investimento en sanidade fica nos postos de cola a nivel estatal e a achega orzamentaria á Atención Primaria permanece por baixo do recollido nas contas galegas de 2009.

Comentarios