Opinión

Reivindicármonos

Poñemos aquí a primeira pedra do Galeusca de Direccións, unha nova sección, dentro da Tribuna, que estreamos neste número e que nos leva a compartir espazo co colega vasco e co catalán. Recollemos o convite que nos lanzaron Martxelo e Vicent para nos sumar ás cartas que se intercambiaban cada semana no diario euscaldún Berria e no catalán Vilaweb para dar a súa perspectiva sobre asuntos de actualidade.

Agradecemos o seu convite nun contexto político que leva a abrir o debate ao redor do modelo de financiamento e do propio Estado, caduco, ineficaz e incapaz de dar solución aos problemas de Euskal Herria, dos Països Cataláns e da Galiza. Unha España que pon vetos a que se poida investigar por corrupción un xefe de Estado herdeiro do franquismo e que, á vez, pretende inhabilitar un presidente electo de maneira democrática por non retirar unha pancarta sobre os presos e presas políticas catalás. Un sistema que nega mesmo que o CIS pregunte sobre a Coroa e que veta propostas de forzas nacionalistas encamiñadas a consultar a cidadanía para elixir entre monarquía e república. Un Estado centralista en que todo pasa (e todo sae) por Madrid, tamén a pandemia, pois volve ser a zona cero do coronavirus en Europa e continuará centrifugando positivos a outros territorios con menor incidencia de Covid-19.

Estreamos sección desde unha Galiza que cheira a fume e a desleixo. Gobérnannos quen se negan a ir á raíz do problema e quen avogan por non tocar a política forestal. Para que ordenar o monte se xa dan por feito que os incendios son inevitábeis? Teremos que seguir fiando a saúde da terra á chuvia para impedir que o monocultivo de eucalipto acabe con todo. As portas xiratorias que dan o billete de partida para ocupar cadeira en consellos de administración son parte da explicación do laissez faire da Xunta da Galiza na materia.

Concluímos estas liñas saudando as lectoras e lectores vascos e cataláns e, agradecendo, de novo a Martxelo e a Vicent que tivesen a ben contar connosco nesta fiestra aberta entre as tres nacións sen Estado para reivindicármonos.

Comentarios