Opinión

Progresía española, Feixoo é PP

Martxelo, Vicent, a esquerda española leva meses louvando Feixoo e as súas políticas, como se non encarnase o mesmo Partido Popular defensor do españolismo e do neoliberalismo. A prensa progresista de Madrid traballa en presentar o presidente da Xunta como a antítese de Casado e como a dereita máis razoábel, centrista.

Queredes saber quen é Feixoo? É o presidente que durante catro meses eludiu o control do Parlamento, o que ten sometidos os medios de comunicación públicos, o que rachou cos consensos parlamentarios apoiados polo seu antecesor, o que iniciou unha cruzada contra o idioma galego e o que defende unha proposta ideolóxica que consiste en privatizar os servizos públicos. Así temos o ensino, con estudantes amoreados, sen gardar a distancia mínima, nas aulas; unha Atención Primaria desmantelada onde conseguir cita para unha receita é toda unha fazaña; uns hospitais públicos que cancelan operacións porque están ao bordo do colapso; unha sanidade privada que vive dos convenios co Servizo Galego de Saúde; un modelo de atención ás persoas maiores que converte as residencias privadas en cemiterios...

Hai diferenzas entre o pobo galego e o español. Eles sábeno e poñen a maquinaria electoral en marcha

De verdade que isto non é PP? Falamos dun Feixoo que entre os vellos reparte máscaras promocionais do Xacobeo e que vota no Parlamento en contra de fornecer o alumnado de tapabocas; que só en período electoral, porque sabe que lle dá votos, invoca a “Galicia, Galicia, Galicia” —o seu lema de campaña— cando en case 12 anos de goberno non logrou nin unha soa transferencia de competencias á Galiza; que inaugura exposicións sobre o centenario da revista Nós ocultando que moitos dos seus impulsores foron fusilados ou condenados ao exilio e un Feixoo que se amosa máis preocupado por facerlle oposición a Sánchez que en gobernar esta nación. Non nos enganemos. Non hai diferenzas entre Feixoo e Casado. Hai diferenzas entre o pobo galego e o español. Eles sábeno e por iso poñen toda a maquinaria electoral en marcha cando hai que apañar papeletas. Mais cando hai que estar na praza de Colón de Madrid, do ganchete dos nostálxicos do franquismo, volve de Nova York e de onde faga falta para estar.

Comentarios