Opinión

O porqué do menosprezo á "Galiza profunda"

Opasado domingo soubemos que unha xuíza marbellí decidiu o réxime de custodia dun neno de 13 meses baseándose, entre outras cuestións, na residencia da nai na “Galiza profunda”, e non en Marbella, localidade que, segundo a autoridade xudicial, presenta mellores condicións para o desenvolvemento do neno. As consideracións da xurista non son unha saída de ton de carácter particular nin un feito puntual asociado a unha causa concreta. Agochan a ideoloxía que conforma a identidade española de negación do diferente.

O profesor Alexandre Péres Vigo, autor dunha tese de doutoramento sobre a galegofobia que mereceu a máxima cualificación da Universidade da Coruña, sinalou o seguinte: “A galegofobia, como unha doenza crónica, non só aflora cada certo tempo, senón que leva presente décadas e séculos no pensamento colectivo español”. Recolleu que foi transmitida “xeración tras xeración” e perpetuada na sociedade española “a través da literatura, dos mass media e da propia linguaxe coloquial”. O estudoso concluíu que a galegofobia “segue a comportar un fenómeno que marca as relacións galego-españolas”.

A orixe do fenómeno está asociada ao proceso histórico de incorporación subordinada da Galiza ao espazo castelán a mediados do século XIII pero non aparece con toda a súa claridade até o século XVI, unha vez que os Reis Católicos concluíron o que o seu cronista Jerónimo Zurita denominou “doma do Reino da Galiza”. A esta liña de pensamento téñense ligado as máis importantes figuras da cultura española desde o século XVI, comezando por Cervantes e Góngora, até hoxe.

O renovado vigor da galegofobia está ligado á ofensiva españolista e ao avance das posicións chauvinistas na España cultural, cada día máis agresiva contra as outras identidades nacionais existentes no Estado. A día de hoxe, segue actuando como parte do discurso de acompañamento da construción da identidade española e como ferramenta de combate contra as aspiracións do pobo catalán, galego e vasco. O racismo, Vicent e Martxelo, sempre operou como un instrumento de dominio dos colonizadores.

Comentarios