martes 14.07.2020

Perdeu, perdeu, perdeu

Afeito aos seus monólogos durante semanas, sen limitacións de tempo e sen posibilidade de resposta por parte da oposición, Feixoo pinchou no debate electoral. Delatárono os nervios, que deixaron translucir as dúbidas do Partido Popular en relación ao resultado que saia das urnas o 12 de xullo. Careceu de propostas e ficou desencaixado. Incómodo e desprotexido, nin sequera foi quen de contestar a unha pregunta directa formulada pola candidata do BNG, Ana Pontón, para saber se estaría disposto a pactar con Vox, partido co que asistiu da man á manifestación da ultradereita española na madrileña praza de Colón, en febreiro de 2019, cando milleiros de galegas e galegos percorrían as rúas de Compostela en defensa da sanidade pública.

Precisamente, foi a sanidade unha das protagonistas do debate. Ao candidato do PP non lle saíron ben as cifras. Desmontáronllas tanto o PSOE como Galicia en Común, o BNG e Marea Galeguista, que tamén lle quitaron a careta aos datos relativos ao emprego.

Tampouco foi quen de defender a xestión da crise sanitaria nas residencias de maiores, foco da metade das mortes durante o pico da pandemia. Fixo o de sempre: a culpa é do Goberno estatal. E non recoñeceu nin un só erro á fronte da Xunta durante os últimos meses. Tanto Ana Pontón como Gonzalo Caballero puxérono entre as cordas con dúas informacións que foron publicadas en exclusiva por Nós Diario: a relativa ao informe do Consello de Contas, que en 2017 xa sinalara as eivas nas residencias de maiores, e a da carta da directora de DomusVi San Lázaro na que advertía de que o Sergas tardara até catro días en permitir as derivacións de residentes aos hospitais.

“Galicia, Galicia, Galicia”, limitouse a proclamar Feixoo, que dixo, sen rubor, que o de menos “son eu”. E isto malia agochar as siglas do seu partido para priorizar no material de campaña o seu nome. Estivo acertada Pontón cando lle respondeu que o presidente das cero competencias non podía reducir Galiza a un slogan electoral. “Ou o caos ou eu” tampouco fixo efecto perante uns candidatos e unha candidata que espiron once anos de gobernos cun balance negativo para a nación. Vox e Ciudadanos -cuxa candidata, Beatriz Pino, demostrou os seus dotes na televisión-,  os únicos socios cos que podería contar Feixoo, optaron por non atacar o PP e, sobre todo o primeiro, tratou, sen éxito, de enlamar o debate e crear polémica.

A alternativa ao Partido Popular sae vitoriosa dun debate en que nas redes sociais gañou Pontón, que soubo manexar os tempos e que volveu demostrar unha grande oratoria. O cancelo #AnaPresidentA colouse entre as principais tendencias de Twitter no Estado español. Con independencia de cal dos tres candidatos dos principais partidos da oposición se situase por diante, ficou claro que hai partido e que é posíbel un outro Goberno distinto ao de Feixoo. Agora si, comeza a conta atrás.

comentarios