Opinión

‘Nós’ está en ‘Nós’

Foi unha creación da primeira xeración nacionalista: a que naceu á vida pública galega coas Irmandades da Fala, a que asinou o Manifesto Nacionalista de Lugo, en 1918, a que escribiu nas páxinas de A Nosa Terra, a que fundou o Partido Galeguista, a que manchou as mans en defensa dos dereitos da Galiza e a que foi asasinada ou sufriu o cárcere ou o exilio tras o golpe de Estado de 1936.

Os números de 'Nós' son a mostra da Galiza na que acreditaron aqueles xigantes

Foi unha expresión do noso segundo rexurdimento, aquel que pensou Vicente Risco en O problema político da Galiza, aquel que ideou Ramón Vilar Ponte na Doutrina Nacionalista, aquel que soñou Otero Pedraio en Os camiños da vida, aquel que nos legou Castelao no Sempre na Galiza e aquel que rematou cos asasinatos de Arturo Noguerol e Ánxel Casal, xerente e administrador da revista Nós, a mans dos fascistas nunha gabia de Serantes (Ferrol) e noutra de Teo.

Foi un produto dos galegos irmandados con catalás e vascos. Os que recibiron cos brazos abertos a Cambó en 1917, os que se cartearon con Eli Gallastegi para acordar proxectos nunca cumpridos, os que acudiron a Barcelona en 1923 para asinar Tripla Alianza, os que formalizaron en 1933 Galeuzka e posteriormente percorreron Galiza, Euskal Herria e Catalunya para levar un tempo novo aos pobos peninsulares, os que visitaron Lluís Companys no cárcere, os amigos de Aguirre e os que loitaron contra o fascismo.

A revista Nós segue a ser un luxo para a Galiza. As súas páxinas recollen o mellor da intelixencia galega das dúas décadas anteriores a 1936, o máis logrado da produción artística, o máis brillante da creación literaria, o máis salientábel do ensaio. E sempre nunha orientación universal distanciada do provincianismo madrileño e asumindo o lema de Risco “ser diferente é ser existente”.

Os números de Nós son a mostra da Galiza na que acreditaron aqueles xigantes da xeración galega do 16, a das Irmandades da Fala, mais tamén as actas que impiden a falsificación da súa memoria e a manipulación e prostitución do seu legado.

Hai 100 nacía a revista Nós. Hoxe Nós está en Nós.

Comentarios