Opinión

Netflix non entende a Moraima

Unha conversa entre o asistente de voz de Apple, Siri, e unha rapaza galegofalante, Moraima, converteuse en viral nas redes sociais. Mentres Moraima tentaba estabelecer un diálogo con Siri no seu idioma, esta respondeu que non entendía e, finalmente, a nena decatouse de que a causa estaba en que a ferramenta tecnolóxica descoñecía o galego.

A gravación dos pais de Moraima é un exemplo dos problemas das linguas minorizadas na fase actual da globalización e das súas dificultades para seguir existindo sen o apoio institucional axeitado.

O proxecto de Lei xeral de comunicación audiovisual do Goberno español mantén esta situación de marxinación do catalán, do euskera e do galego

A situación do galego nos catálogos das plataformas audiovisuais tamén afecta. Segundo os datos da Mesa pola Normalización Lingüística, dun total de 25.782 títulos de series ou películas dispoñíbeis en Netflix, HBO, Prime Video ou Disney+, só 25 -todas producións feitas na Galiza- están en galego. A posibilidade de dobraxe ou subtítulos en castelán é un feito para todos os títulos ofrecidos, evidenciando, unha vez máis, a desigualdade de dereitos lingüísticos entre as distintas linguas oficiais.

O proxecto de Lei xeral de comunicación audiovisual do Goberno español mantén esta situación de marxinación do catalán, do euskera e do galego. A proposta lexislativa estabelece unha porcentaxe de emisión mínima obrigatoria do 50% para obras en castelán, pero non estabelece ningunha cota de contido para as outras linguas oficiais, tamén excluídas das liñas de financiamento abertas.

Urxe unha reforma da iniciativa en liña co que demandan diversas forzas políticas, e tamén os executivos de Catalunya, Euskadi e Galiza. A próxima semana será chave para aclarar o curso final da lei. Calquera opción que non inclúa unha alternativa na liña do que se demanda por unanimidade no Parlamento de Galiza, a través da Iniciativa Xabarín -que exixe contidos iguais nas plataformas tecnolóxicas entre o galego e o castelán- implicaría que Moraima e outras mozas coma ela non puidesen vivir en galego neste mundo do século XXI.

Comentarios