Opinión

'Mi Casa'

Martxelo, Vicent, hai uns días reproduciamos unhas imaxes de persoas usuarias da residencia "Mi Casa" de Pazos de Borbén, na comarca de Vigo, que provocaban terror: corpos danados por úlceras nun centro de maiores onde reinaban a desorde e a falla de hixiene. A raíz da súa publicación e da denuncia de asociacións de usuarias e usuarios e de traballadoras das residencias, o Goberno galego viuse na obriga de recoñecer "carencias" no funcionamento do citado xeriátrico, con prazas financiadas pola Xunta da Galiza. Algunhas desas "carencias", ligadas a unha atención sanitaria non axeitada, a unha alimentación deficiente e a problemas serios de hixiene.

A pesar das fotografías e dos testemuños, a Administración galega negouse a tomar medidas contra a dirección do centro, da que é copropietaria a antiga presidenta da Asociación "Xoves" Empresarios de Pontevedra. Iso si, o servizo de inspección da Consellaría de Política Social abriu un expediente.

Esta residencia é reincidente. Á volta de 2017, segundo fontes próximas ás traballadoras, a dirección tentou agochar nun galpón cinco usuarios que residían indebidamente no centro e só puideron saír do agocho unha vez que se presentaron as forzas da orde no xeriátrico. Á altura de 2019, os partidos políticos da oposición deste concello denunciaron o empadroamento no centro de maiores dun total de 11 persoas alleas ao municipio, todas elas menores de 65 anos e supostamente censadas para votar o candidato do Partido Popular nas eleccións locais. Outras empresas do grupo, neste caso centradas nos servizos de axuda do fogar, tamén estiveron no albo de traballadoras, ao advertiren da precariedade nas condicións laborais e do atraso no pagamento das nóminas e das achegas á Seguridade Social.

O acontecido neste xeriátrico non é un feito illado. Após a traxedia vivida nas residencias durante as diversas vagas da pandemia, que serviron para sacar á luz unha situación descoñecida para a maioría da poboación, casos como o citado evidencian o fracaso dun modelo de xestión que busca o lucro e o beneficio en lugar do das persoas maiores. Algo tan importante como a xestión dos servizos básicos e do benestar non se pode deixar en mans privadas.

Comentarios