Opinión

A ‘marca España’ cae en Pedrafita do Cebreiro

Martxelo, Vicent, a pasada terza feira caeu o principal viaduto da A-6 ao seu paso polo concello de Pedrafita do Cebreiro. A infraestrutura é chave na conexión da Galiza co resto do Estado e foi considerada no seu día un dos grandes fitos da enxeñaría das empresas españolas de obra civil. Tanto é así que mesmo recibiu diversos galardóns pola tecnoloxía empregada e polo seu remate.

A ponte sobre a A-6 entre os concellos de Pedrafita do Cebreiro e Veiga de Valcarce derrubouse após 22 anos en activo. Foi inaugurada polo ex ministro de Fomento Francisco Álvarez Cascos, nun acto onde estivo, tamén, o daquela presidente da Xunta da Galiza, Manuel Fraga. Os primeiros problemas comezaron a detectarse hai cinco anos. De feito, a autovía atopábase fechada ao tráfico no momento do sinistro polas obras de mellora que se estaban a executar.

O Ministerio de Infraestruturas limitouse a responsabilizar do accidente a "un vicio oculto" durante a construción e a gardar silencio sobre a empresa que ergueu o viaduto. O director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, Javier Ferreiro, destacou que "durante o pasado verán decretouse o fechamento do viaduto despois de que fosen detectados altos niveis de corrosión nos cabos da infraestrutura" e asegurou que "o colapso puido deberse a un vicio na infraestrutura que non fora detectado até o momento ou que se desencadeou como consecuencia dos traballos".

As explicacións dos responsábeis gobernamentais están contribuíndo a xerar máis dúbidas na Galiza, pois semellan responder exclusivamente ao obxectivo de agochar os nomes das empresas que executaron os tramos da A-6 afectados. A maior parte deles foron acometidos polas grandes empresas españolas da obra civil, nun caso mediante a Unión Temporal de Empresas e noutros en solitario.

A ‘marca España’ derrubouse, así, en Pedrafita de Cebreiro. A caída do viaduto evidencia a maneira en que se constrúen as infraestruturas no Estado, a lóxica edificatoria en base á operativa das subcontratas e o facer dunhas compañías que conseguen os contratos públicos por distintas razóns. A contabilidade de Bárcenas sobre os doantes do PP e os apuntamentos económicos das campañas electorais de Fraga explican moitas cousas.

Comentarios