Opinión

Mans arriba!

Acaída do poder adquisitivo das traballadoras e traballadores galegos é unha constante na última década. Recollíamos esta semana en Nós Diario que o custo laboral unitario real foi negativo, ao igual que en todos os exercicios desde 2010, excepto en 2018 e 2019. En 2020 os salarios caeron 5,6%. Asistimos nese período a un deterioro das rendas do traballo fronte ás do capital, pasando as primeiras de 48% do PIB en 2009 a 46,4% en 2020. Eis, Vicent e Martxelo, unha mostra clara do que representaron as políticas de Alberto Núñez Feixoo, o incremento da desigualdade. Tanto é así que a Galiza pasou de ser a cuarta autonomía con máis igualdade do Estado español a ser a novena máis desigual.

As tensións inflacionistas van ser a norma no futuro próximo. O prezo da luz incrementouse en 1.025% no último ano, empuxado pola tecnoloxía hidráulica, que o pasado 8 de marzo foi a máis cara para xerar electricidade, por riba do gas. Outro tanto aconteceu cos hidrocarburos. O prezo da gasolina aumentou un 40,29% no último exercicio e os gasóleos especiais para o sector pesqueiro sufriron un encarecemento de 58,8% entre o 1 e o 10 de marzo.

A suba dos prezos afecta de maneira directa ao poder adquisitivo: o diñeiro vale menos porque os bens de consumo son máis caros, xerándose un círculo vicioso. Neste contexto, responsabilizando da situación a factores esóxenos ou endóxenos, as grandes multinacionais están disparando a súa conta de resultados e incrementando os seus beneficios nalgúns sectores a máximos históricos. Un dos exemplos é o das empresas hidroeléctricas, que rexistraron nalgúns momentos do 8 de marzo beneficios de 10.000%, aproveitándose do modelo marxinalista de fixación dos prezos da electricidade, imposto en 1996 pola Unión Europea a todos os Estados membros.

E, neste contexto, con grandes empresas anunciando paros na produción e coa frota pesqueira pensando en ficar amarrada, Feixoo -que aplaudiu o goberno coa ultradereita en Castela e León- exerce a "telepresidencia". Tras implantar a "telemedicina" e anunciar un modelo virtual para substituír as gardas físicas na sanidade, opta agora pola presidencia vía telefónica para poder completar a súa xira polo Estado español no marco da campaña electoral.

Comentarios