Opinión

Máis tesoiras coa coartada da Covid

Chegamos até aquí tras varias décadas de recortes nos servizos públicos que beneficiaron os grandes poderes económicos. Unhas tesoiradas executadas seguindo o discurso neoliberal e que teñen provocado o desmantelamento dos sistemas públicos de saúde. Malia que nunha situación de emerxencia sanitaria, como a xerada pola pandemia do coronavirus, todos os recursos son escasos, o colapso dos centros médicos de Atención Primaria e especializada e a falla de medios humanos e materiais evidencia que as políticas sanitarias aplicadas pola práctica totalidade dos Gobernos europeos representan un perigo para a sociedade e provocan un aumento nas taxas de mortalidade.

Os recortes matan. E non só o advirten os diversos movementos en defensa da sanidade pública. A Corporate Europe Observatory vén de facer público un informe que sinala que "a privatización do sistema sanitario europeo ten efectos mortais, postos en evidencia durante o ano" e destaca que "a subcontratación e a provisión privada da atención médica degradou de maneira significativa a capacidade dos Estados membro da UE para loitar eficazmente contra a Covid". Apunta ademais que "as presións políticas levaron a mercantilizar e privatizar os sistemas de atención á saúde e das persoas maiores na UE, o que reduciu a preparación dos países para facer fronte á Covid".

A Corporate Europe Observatory sinala que "a privatización do sistema sanitario europeo ten efectos mortais

Os Gobernos europeos insisten en repetir as políticas que nos trouxeron até aquí. En lugar de defender un novo modelo asistencial que reforce o sistema público e dote de máis medios os sistemas de saúde, apostan por acometer máis recortes na sanidade pública. Na Galiza, Martxelo e Vicent, temos un bo exemplo nas restricións á atención presencial aplicadas nos centros de Atención Primaria. Unha “telemedicina” que deixa sen servizo á saúde a moitos galegos e galegas. A este respecto, o Comité de Bioética do Servizo Galego de Saúde, un organismo independente ligado á Administración galega, vén de pór de manifesto que a atención non presencial "pon en grave risco a calidade asistencial prestada no conxunto do Sistema Público de Saúde da Galiza". 

Comentarios