xoves 29/10/20

Máis leña ao lume!

Chegou o virus para pór patas arriba as nosas vidas cando aínda estabamos inmersas na longa depresión que seguiu ao estalido de 2008. Unha crise provocada por recorrer ás receitas económicas neoliberais que tomaron o mando no mundo tras a recesión de 1973. A resposta da maior parte dos Gobernos por entón é dabondo coñecida: insistir nas políticas que provocaran a crise económica, repetir as alternativas que conduciran ao fracaso e volver sobre o mesmo modelo que provocara o incendio.

Así, contra as burbullas inmobiliarias ou da débeda, ladrillo e liquidez; contra a caída dos salarios que estivo detrás do endebedamento, a desvalorización interna; contra a precariedade que favorece o desemprego, novas reformas laborais; contra a exclusión favorecida polo retraemento do sector público, novos nichos de negocio para os grupos empresariais; contra o abandono dos sectores máis vulnerábeis, desmantelamento do sistema de benestar e contra as desigualdades no acceso á sanidade… pois máis privatizacións. Así nos vai.

Apareceu o novo coronavirus e as costuras dos servizos públicos saltaron

Apareceu o novo coronavirus e as costuras dos servizos públicos saltaron. Saíron entón á luz as vergoñas do modelo sanitario e do estado de benestar. Se a resposta sanitaria fronte á pandemia se ve limitada pola falta de medios humanos e materiais é debido a unhas políticas públicas de débedas que primaron o sector privado e que non situaron en primeiro plano a defensa da saúde. O feito de que a gran maioría das mortes en residencias tivesen lugar en centros privados responde a que os Gobernos permitiron facer dos maiores un suculento negocio.

O coronavirus colleu os servizos públicos baixo mínimos como consecuencia de décadas de recortes que seguiron unha folla de ruta ideolóxica perfectamente planificada. A subordinación aos intereses do poder económico e aos prexuízos doutrinais dunha parte da liderado político sitúanos diante do perigo de tratar de saír desta crise coas mesmas receitas. Por favor, máis leña ao lume, non!

comentarios