Opinión

Lingüicido

Prezados colegas, infórmovos dun novo estudo que evidencia que o ensino exerce un forte efecto desgaleguizador nas crianzas desde idades moi temperás. Así, unha nova investigación da Real Academia Galega (RAG), desta vez en colaboración co Concello de Ames -próximo a Compostela-, demostra os efectos nocivos na lingua propia do decreto do plurilingüismo aprobado coa chegada de Feixoo á Xunta da Galiza. Os resultados son preocupantes: na educación secundaria só o 11% do alumnado é galegofalante; un 11% bilingüe e un 77%, españolfalante. Advirte a RAG de que o proceso de substitución lingüística do galego polo castelán comeza nos primeiros anos e consolídase na adolescencia. De feito, sinálase que os procesos de muda cara ao español aumentan desde os 2-3 anos até os 6-7.

Os autores do informe cualifican o medio escolar de “non amigábel” e mesmo de “hostil” para o idioma propio da Galiza. O ensino, din, provoca a “retracción” do alumnado á hora de empregar o galego como lingua vehicular e “tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran estas competencias”. O panorama é tan triste que máis do 50% do estudantado de Secundaria di non sentirse cómodo á hora de se expresar en público en galego. Estas cifran súmanse as xa aquí expresadas con antelación: o 35% dos estudantes castelanfalantes presentan unha escasa competencia en galego e o 70% do alumnado da ESO fala única ou preferentemente español.

Consciente de que para acabar cun pobo non é preciso a extirpación biolóxica, senón exterminar a súa identidade, ao ano de chegar ao poder, Feixoo aprobaba o decreto 79/2010 para o plurilingüismo. Baixo este eufemismo presentaba unha norma castradora do galego, até o punto de prohibir que o profesorado imparta materias científico-tecnolóxicas na lingua propia e de reducir o idioma á mínima expresión na educación infantil. Como o logrou? Cun discurso ideolóxico ditado pola FAES e apoiado nunha falsa imposición do galego sobre o español e tamén nunha falsa vulneración dos dereitos dos castelanfalantes.

A solución é ben coñecida por vós: a inmersión lingüística no ensino. Non hai outro camiño se non queremos que o galego morra.

Comentarios