Opinión

As letras, sempre en galego

Martxelo, Vicent, o 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, unha xornada de reivindicación nacional. Dicía Castelao que se somos galegos é “por obra e graza do idioma”, pois é a lingua un dos principais trazos que nos fan nación. O 17 de maio saímos á rúa para amosarmos que queremos vivir en galego os 365 días do ano. Hai quen aproveita a xornada, a modo de ritual, e leva a lingua propia da Galiza ás portadas. Só un día ao ano, que non fai dano! As subvencións que reciben estes medios de comunicación por redactar en galego un 10% dos seus contidos xa as trataremos noutra ocasión.

Coincide desta vez o 17 de maio coa recente aprobación unánime, por parte do Parlamento, dunha iniciativa para crear unha canle Xabarín, isto é, un espazo dentro dos medios públicos da Galiza con contidos en galego destinados á poboación infantil e xuvenil. A data tamén chega ás poucas semanas de facerse público o estudo da Real Academia Galega (RAG), do que aquí vos escribín, que evidencia o cativo uso da lingua propia por parte do alumnado da ESO e que demostra o desastre que representa para o galego o decreto do plurilingüismo aprobado por Feixoo. Unha norma que prohibe que o profesorado imparta materias científico-técnicas no idioma da Galiza e que provocou a súa práctica desaparición na etapa de Educación Infantil.

Este 2021 é Xela Arias a escritora homenaxeada co Día das Letras. Unha poeta subversiva, transgresora, que reivindicou o galego como lingua literaria. Ao longo do mapa decorren centos de actos que lembran a autora que bebeu do Vigo das protestas do naval e da súa “movida”. Mais tamén abundan estes días ducias de homenaxes a Emilia Pardo Bazán, con motivo do centenario do seu falecemento. Resulta curiosa a reivindicación da súa figura por parte de institucións galegas. A condesa, unha grande da literatura española, era desas “galegas á española”. Aínda que nada na Coruña, nin escribiu no idioma propio nin se identificou coa Galiza. Máis ben, o contrario. Á vista desta campaña de “reconversión”, Feixoo teno doado para dedicarlle o Pazo de Meirás -propiedade de Pardo Bazán- no canto de destinalo como espazo nacional da memoria. Cousas veredes!

Comentarios