Opinión

Invasión eólica

Martxelo, Vicent, vouvos contar a praga que estamos a sufrir na Galiza: a dos parques eólicos, favorecida polas mudanzas no marco regulatorio estatal e galego. Máis un caso en que se nos trata como colonia: as empresas enerxéticas -de capital foráneo na súa maioría- aproveitan os nosos recursos naturais para sacar tallada. Que nos queda a nós? Quédannos uns montes inzados de muíños con dimensións esaxeradas -os parques proxectados, un total de 131, contan, na súa meirande parte, con aeroxeradores cunha altura tres veces maior á da Torre de Hércules-, unha biodiversidade danada e a usurpación das terras. En moitos casos, en espazos naturais protexidos.

Non pensedes que obtemos grandes proveitos da situación, acaso uns poucos postos de traballo e escasas rendas, como demostran os datos das zonas de maior desenvolvemento eólico do país. Por riba, de maneira paradoxal, vén de botar o fechamento a planta de Siemens Gamesa que fabricaba compoñentes para os aeroxeradores. Como sabedes, Galiza é exportadora de enerxía, mais aquí non temos tarifa eléctrica diferenciada. O nacionalismo leva anos insistindo na necesidade de crear unha tarifa eléctrica galega que abarate a enerxía para o consumo particular e para os sectores económicos, mais ten recibido sempre a negativa por resposta. Non é de estrañar, tendo en conta a cantidade de políticos e políticas que ocupan cadeiras nos Consellos de Administración das empresas enerxéticas. A nivel nacional son ilustrativos os exemplos do ex conselleiro da época de Fraga Antonio Couceiro e o da ex conselleira con Feixoo Beatriz Mato -até 2018 responsábel da carteira de Medio Ambiente, área que tramitou algúns dos proxectos de Greenalia, a empresa pola que fichou-.

A aposta por esta enerxía renovábel debe implicar atender as necesidades da Galiza, os intereses das comunidades locais, a compatibilidade coas actividades socioeconómicas da zona e a protección do territorio. Considerala un ben público, e máis á vista do encarecemento da factura eléctrica, debería ser irrenunciábel. Renovábeis si, mais non así.

Comentarios