Opinión

Inimigos do galego

Martxelo, Vicent, ollade o triste panorama que sufrimos co idioma propio da Galiza. Segundo os datos recollidos nun informe presentado pola Real Academia Galega (RAG) esta semana, o alumnado galegofalante ten un dominio similar do galego e do español. Porén o 35% dos estudantes castelanfalantes presentan unha escasa competencia en galego. O relatorio sinala que case o 44% dos perto de 600 estudantes da ESO participantes na enquisa teñen o galego e o español como lingua inicial; o 36,1% o español e o 18,1% o galego. O 70% responde que fala única ou preferentemente español. Aí quedan uns números que confirman investigacións anteriores, como a do Instituto Galego de Estatística, dependente do Goberno galego, que advirte de que 24% das persoas menores de 15 anos non falan nin escriben na lingua propia da Galiza.

A rotundidade dos datos da RAG evidencian o proceso de imposición lingüística do español. Medio milleiro de disposicións legais obrigan ao seu uso, fronte á inexistencia de normativa que obrigue ao uso do galego. Hai máis. Institucións internacionais como o Consello de Europa cuestionan a política lingüística do Goberno galego e ínstano a eliminaren as “limitacións ao ensino do galego". Alén doutras consideracións, boa parte dos sociolingüistas galegos responsabilizan deste acelerado proceso de substitución do galego polo español á lexislación aplicada pola Xunta da Galiza desde a chegada de Feixoo á Presidencia.

A rotundidade dos datos da RAG evidencian o proceso de imposición lingüística do español

O discurso de acompañamento ideolóxico empregado por Feixoo para limitar a presenza do galego no ensino foi a falsa imposición do galego fronte ao español e a pretendida vulneración dos dereitos dos castelanfalantes en base a unha presunta lexislación que os deixaba sen dereitos. O relato de Feixoo non é unha construción pensada en exclusiva para a Galiza, pois fai parte da factoría da Fundación de Análise e Estudos Sociais (FAES) de José María Aznar, no marco do seu programa de recentralización do Estado.

Comentarios